🏥 Máis seguridade nas instalacións deportivas municipais de Zas

O Concello de Zas vén de completar a instalación de desfibriladores nos dous campos de fútbol e nos dous polideportivos municipais de Baio e Zas, unha medida destinada a mellorar a seguridade da veciñanza e das persoas usuarias destas instalacións deportivas.

No caso concreto de Baio, o desfibrilador dará servizo tanto ao polideportivo como ao ximnasio, ampliando así a súa cobertura e capacidade de resposta ante posibles emerxencias sanitarias. Ademais, estes dispositivos estarán tamén dispoñibles durante a tempada de verán para dar apoio ás piscinas municipais.

Ante unha situación de parada cardiorrespiratoria, o Concello lembra que o primeiro paso debe ser sempre chamar ao 112 e seguir en todo momento as instrucións do persoal médico que atenda a chamada.

Cómpre destacar que calquera persoa pode utilizar un desfibrilador, mesmo sen formación previa, xa que o propio equipo guía paso a paso o proceso de utilización.

Con esta actuación, o Concello de Zas sitúase entre os poucos municipios da Costa da Morte que dispoñen de desfibriladores en todas as súas instalacións deportivas municipais, reforzando así o seu compromiso coa seguridade e o benestar da cidadanía.

Desde o goberno local sinalan que continúan a traballar para facer das instalacións deportivas espazos cada vez máis seguros para toda a veciñanza.