
O Concello de Corcubión vén de denunciar un novo episodio de incivismo na zona de San Roque, onde nos últimos días apareceron depósitos incontrolados de lixo e restos de obras.
Dende o goberno local amósase unha fonda preocupación por este tipo de comportamentos, que supoñen un grave prexuízo tanto para o medio ambiente como para a imaxe do municipio. Neste sentido, o Concello informa de que xa se iniciaron as actuacións necesarias para investigar os feitos e identificar ás persoas responsables, que poderían enfrontarse a sancións económicas.
Así mesmo, faise un chamamento á colaboración cidadá para axudar a esclarecer o sucedido e evitar que situacións semellantes se repitan no futuro.
Os servizos municipais encargaránse da retirada dos residuos depositados ilegalmente coa maior brevidade posible, co obxectivo de restablecer a normalidade na zona afectada.
Dende o Concello lémbrase que existe un servizo gratuíto de recollida de voluminosos a domicilio, dispoñible para toda a veciñanza, que supón un custo mensual superior aos 2.100 euros para as arcas municipais, incluíndo tamén a recollida de cartón. Un gasto que, en definitiva, sae do conxunto da cidadanía.
Para facer uso deste servizo, as persoas interesadas poden solicitalo presencialmente nas oficinas municipais ou chamando ao teléfono 981 745 400.