11 concellos da comarca xa afectados pola inclusión da situación de prealerta por seca da conca do Anllóns

Ademais da situación de prealerta por escaseza moderada de auga na que leva a zona do río Grande dende comezos de agosto, hoxe a Xunta vén de ampliar esta situación tamén ao sistema do río Anllóns, costa da Coruña ata o límite de Arteixo.

Así o acordou hoxe a Oficina Técnica da Seca, tendo en conta que desde mediados do mes de agosto presenta indicadores de escaseza por debaixo do límite de 0,30 e tras constatar que, lonxe de mellorar, nas últimas dúas semanas a situación amosou un lixeiro empeoramento.
Así mesmo, a evolución nos ríos Lérez e Grande desde a última reunión tamén aconsella manter a prealerta en ambos sistemas.

A situación de prealerta por escaseza de auga implica a realización dun seguimento intensivo da situación meteorolóxica e os niveis de ríos e encoros dos sistemas afectados da Demarcación Hidrográfica Galicia-Costa, así como das posibles incidencias que se detecten. De feito, os concellos nesta situación teñen a obriga de comunicar a Augas de Galicia os seus datos diarios de caudais de consumo. Estas sons as unidades territoriais de escaseza (UTE) e os concellos afectados:

  • UTE río Grande: Cabana de Bergantiños, Camariñas, Laxe, Muxía, Vimianzo e Zas.
  • UTE río Anllóns: Arteixo, Carballo, Cerceda, Coristanco, Culleredo, A Laracha, Malpica, Ponteceso e Tordoia.
  • UTE río Lérez: Barro, Bueu, Campo Lameiro, Cerdedo-Cotobade, A Estrada, Forcarei, Marín, Meaño, Moraña, Poio, Ponte Caldelas, Pontevedra e Sanxenxo.

A maiores, en Baiona manteranse medidas equivalentes a unha situación de prealerta.