O Concello de Fisterra recibe unha subvención da Xunta para mellorar o acceso á praia de Corveiro

O Concello de Fisterra vén de ser beneficiario dunha subvención da Consellería de Medio Ambiente e Cambio Climático da Xunta de Galicia, a través do procedemento MT975Y, destinada ao acondicionamento do acceso á praia de Corveiro.

A axuda, solicitada a comezos do ano 2026, ascende a un total de 38.221,24 euros e permitirá executar diversas actuacións de mellora nun dos espazos costeiros máis emblemáticos do municipio.

Segundo a información facilitada, o proxecto inclúe tres liñas principais de intervención: a renovación do mobiliario urbano existente, o acondicionamento da zona verde próxima ao acceso e a instalación dunha lámina de auga, coa finalidade de mellorar a integración paisaxística e o uso público do espazo.

Con esta actuación, o Concello de Fisterra pretende reforzar a accesibilidade e a calidade ambiental do entorno da praia de Corveiro, contribuíndo á posta en valor do seu litoral e á mellora dos servizos para veciños e visitantes.