A Feira de Artesáns de Santa Comba xa existía integrada na histórica Feira de Primavera

A recente publicación de Adiante Galicia sobre a Feira de Artesáns de Santa Comba xerou debate entre empresarios e veciños da comarca, que lembran que esta proposta non é realmente unha novidade, senón unha actividade que xa levaba anos formando parte da tradicional Feira de Primavera da capital do Xallas.

Segundo distintas persoas vinculadas ao comercio local, durante as anteriores etapas da asociación organizadora, presididas por Antonio Landeira e Oliver, a Feira de Primavera xa contaba coa presenza de artesáns e comerciantes tanto da vila como doutros puntos de Galicia. Naquela época, aseguran, os socios da asociación non pagaban polos stands, mentres que os expositores de fóra abonaban cantidades consideradas asumibles.

As críticas actuais céntranse no incremento progresivo das tarifas para participar no evento. Empresarios consultados afirman que a situación comezou a cambiar tras a chegada de Alberto Romar á directiva da asociación. Segundo estas voces, a entidade gozaba anteriormente dunha economía saneada e con superávit, pero aseguran que posteriormente as contas pasaron a estar en números vermellos.

Algúns empresarios relacionan esa situación co gasto realizado en distintas iniciativas decorativas e murais impulsados na vila durante aquela etapa, afirmando que foi entón cando comezaron a aplicarse cobros polos postos tanto para socios como para non socios.

Segundo comerciantes consultados, o incremento das tarifas continuou posteriormente baixo a presidencia de Diego Vilas, provocando que moitos negocios consideren pouco rendible participar na feira debido aos custos de transporte, montaxe dos stands e gastos de persoal.

Varios empresarios sinalan tamén unha menor afluencia de visitantes respecto a anos anteriores, circunstancia que estaría levando a algúns expositores habituais a valorar non acudir nesta edición da Feira de Primavera.

A polémica mantense aberta entre quen consideran necesario actualizar os prezos para garantir a viabilidade do evento e quen cren que os custos actuais están afastando tanto aos pequenos comerciantes como aos artesáns tradicionais dunha feira con décadas de historia en Santa Comba.