
Malpica de Bergantiños. O anuncio do Goberno municipal de Malpica sobre a finalización das obras de mellora da capa de rodadura nos núcleos de Leduzo e Pozacas, na parroquia de Cerqueda, xerou numerosas reaccións entre a veciñanza nas redes sociais.
O Concello informou da renovación do firme en varias vías municipais e da apertura e recuperación dunha pista en Leduzo, unha actuación que, segundo destacou, busca mellorar a seguridade viaria e a accesibilidade da zona. O investimento ascendeu a 45.616,44 euros e a obra foi executada pola empresa J. Mauri e Hijos, S.L.
Porén, parte das críticas non se centraron na actuación en si, senón na forma de presentala. Varios veciños cuestionaron que na publicación municipal non se fixese referencia á procedencia dos fondos, sinalando que a obra foi financiada mediante unha subvención da Deputación da Coruña.
Ademais, numerosos comentarios aproveitaron a publicación para reclamar actuacións pendentes noutras parroquias e lugares do municipio. Entre as demandas máis repetidas figuran a limpeza da maleza en diferentes estradas, especialmente en Mens e Seixas, onde denuncian problemas de visibilidade que afectan á seguridade do tráfico.
Tamén houbo referencias ao estado dalgunhas pistas da concentración parcelaria, que segundo varios residentes presentan un deterioro considerable, así como á situación da Atalaia e á necesidade de melloras en Arixón. Algúns veciños lembraron promesas realizadas antes das eleccións municipais e criticaron a falta de avances en determinadas actuacións comprometidas.
Outra das preocupacións expresadas foi a accesibilidade para as persoas maiores en determinados núcleos, así como as dificultades que, segundo denuncian, poden atopar os servizos de emerxencia para acceder a certas zonas.
As reaccións evidencian que, máis alá da valoración positiva que poida ter a mellora realizada en Cerqueda, unha parte da veciñanza considera que existen outras necesidades urxentes no municipio que continúan á espera de solución. A publicación, que pretendía destacar unha actuación concluída, acabou converténdose nun escaparate das múltiples reivindicacións pendentes en diferentes puntos de Malpica.