
Fisterra, 5 de xuño de 2026. O pleno ordinario do Concello de Fisterra, celebrado este xoves 4 de xuño, aprobou dúas mocións presentadas pola portavoz municipal do BNG, Tereixa Fernández. Unha delas reclama á Xunta de Galiza a eliminación das peaxes da autovía AG-55, mentres que a outra busca impulsar medidas para mellorar o acceso á vivenda no municipio.
A primeira iniciativa, relativa á supresión das peaxes da AG-55, saíu adiante por unanimidade de todos os grupos da corporación.
Pola súa banda, a moción sobre vivenda contou co apoio do BNG e do PSOE, a abstención do PP e de Alternativa dos Veciños, e o voto en contra do concelleiro non adscrito Francisco Martínez.
A proposta aprobada insta ao goberno local a elaborar un estudo sobre a situación da vivenda en Fisterra, identificando os inmobles baleiros e aqueles que precisan rehabilitación. Ademais, contempla o desenvolvemento dunha campaña de información pública para fomentar a inscrición dos veciños e veciñas que precisen unha vivenda no Rexistro Único de Demandantes de Vivenda de Galiza.
O acordo tamén solicita que o Concello ceda ao Instituto Galego da Vivenda e Solo (IGVS) parcelas municipais de solo urbano e edificios susceptibles de rehabilitación para facilitar a creación de vivenda pública no municipio.
Pregunta sobre o futuro centro de saúde
Durante a sesión plenaria, Tereixa Fernández preguntou ao executivo local polo estado da tramitación dos terreos municipais de San Roque ante o Rexistro da Propiedade, unha parcela que o BNG considera idónea para a construción do novo centro de saúde de Fisterra.
A portavoz nacionalista lembrou que o Parlamento de Galicia aprobou por unanimidade o pasado ano unha iniciativa impulsada polo deputado do BNG, Óscar Insua, na que se recollía a cesión desa parcela municipal á Xunta para levantar o futuro centro médico.
Fernández destacou ademais que os orzamentos da Xunta para este ano inclúen unha partida destinada á redacción do proxecto de construción da infraestrutura sanitaria. Neste sentido, advertiu de que o goberno municipal leva preto dun ano á fronte do Concello sen ter formalizado aínda a cesión dos terreos ao Goberno galego, unha situación que, segundo sinalou, podería poñer en risco os fondos previstos para iniciar os trámites do novo centro de saúde.
A representante do BNG reclamou ao executivo local que axilice os procedementos necesarios para que o proxecto poida avanzar e materializar unha demanda histórica da veciñanza de Fisterra.