
A Deputación da Coruña e o Concello de Negreira acometerán un importante proxecto de mellora urbana na rúa Rosalía de Castro, unha das principais vías de acceso ao colexio do Coto, cun investimento total de 250.000 euros. O presidente da Deputación, Valentín González Formoso, e o alcalde de Negreira, Manuel Ángel Leis, asinaron hoxe o convenio que permitirá executar as obras.
A institución provincial achegará 144.000 euros, o que representa o 57,6% do investimento total previsto para esta actuación, que combina a renovación das infraestruturas básicas coa creación de novos espazos públicos máis accesibles e sostibles.
Os traballos contemplan a substitución dunha rede de saneamento que presenta importantes deficiencias debido á súa antigüidade. Ademais, levarase a cabo a separación das augas pluviais e fecais, unha medida que contribuirá a mellorar a eficiencia do sistema e a reducir os problemas derivados das choivas intensas.
Segundo explicou o alcalde, Manuel Ángel Leis, a actuación permitirá retirar colectores moi antigos, executados maioritariamente en fibrocemento e que rexistran frecuentes incidencias no seu funcionamento, especialmente durante episodios de fortes precipitacións.
«Estamos a continuar o traballo de renovación das redes do núcleo urbano e a separación das augas pluviais e fecais, algo fundamental para mellorar a eficiencia do sistema e reducir avarías e custos de mantemento», sinalou o rexedor.
O proxecto inclúe tamén a humanización da contorna mediante a creación de novos espazos peonís e zonas verdes, contribuíndo así a mellorar a seguridade viaria e a calidade urbana nunha zona moi transitada pola comunidade educativa e os veciños.
Con esta actuación, a Deputación e o Concello reforzan a súa colaboración para modernizar as infraestruturas municipais e avanzar cara a un modelo de vila máis sostible, accesible e adaptada ás necesidades da cidadanía.