
A Baña, 8 de xuño de 2026. O polideportivo de San Vicenzo converteuse este domingo no punto de encontro de máis de 500 persoas que participaron no III Xantar Veciñal da Baña, unha cita xa consolidada no calendario social do municipio e que destacou polo ambiente de convivencia, amizade e participación.
A xornada reuniu veciños e veciñas de diferentes parroquias do concello, que aproveitaron a ocasión para compartir experiencias, anécdotas e conversas nun ambiente festivo e familiar.
A música foi unha das grandes protagonistas do día, coa actuación da Escola de Música Tradicional da Baña, da Charanga O Rumbo e do DJ Mr. Vieito, que puxeron ritmo e animación ao encontro ao longo da xornada.
No apartado gastronómico, as persoas asistentes puideron degustar un menú composto por empanada, polbo e carne ao caldeiro con cachelos, ademais de larpeira e xeados. O servizo correu a cargo de Casa Taboada, encargada da elaboración e servizo do xantar.
Tras a comida celebrouse o tradicional xogo do bingo, un dos momentos máis agardados da tarde, así como un sorteo de agasallos exclusivos do merchandising da Festa da Filloa da Pedra, que espertou unha gran expectación entre o público.
O evento contou tamén coa presenza de representantes do goberno municipal, encabezados polo alcalde, José Antonio Pereira Gil, acompañado pola tenente de alcalde, Mónica González, e polo portavoz do grupo popular.
Desde o Concello valoraron moi positivamente a alta participación rexistrada nesta terceira edición do Xantar Veciñal, que continúa a consolidarse como unha das actividades de convivencia máis importantes da Baña e un espazo de encontro para fortalecer os lazos entre a veciñanza.