
O Xallas conquistou este domingo a súa segunda Copa da Costa feminina ao impoñerse con claridade ao Cee por 4-0 na gran final disputada no campo da Fontenla, en Santa Comba. O encontro contou cun excelente ambiente nas bancadas, con numerosa presenza de afeccionados que animaron sen descanso aos seus equipos.
A sexta edición da competición decidiu o seu campión xa na primeira metade. O conxunto xalleiro partía como favorito debido á súa presenza nunha categoría superior e acabou confirmando os prognósticos cunha actuación moi sólida.
Noelia García abriu o marcador aos once minutos de xogo e, apenas cinco minutos despois, Olalla ampliou a vantaxe para o Xallas. Antes da media hora, Claudia Espasandín anotou o terceiro tanto do encontro e, ao fío do descanso, a propia xogadora completou o seu dobrete para deixar a final practicamente sentenciada.
Na segunda metade, o Xallas soubo administrar a súa renda e mantivo o control do partido ata o asubío final, certificando así a conquista do seu segundo título copeiro.
Ao remate do encontro, o presidente da comisión xestora da Real Federación Galega de Fútbol, Pablo Prieto, foi o encargado de entregar o trofeo ás novas campioas da Copa da Costa feminina.