
A Agrupación Local do Partido Popular de Santa Comba fixo público un comunicado no que manifesta o seu “máis absoluto desacordo” coas declaracións realizadas polo alcalde socialista, Alberto Romar, durante o último pleno municipal.
No escrito, os membros da agrupación popular quixeron deixar constancia de que a portavoz do Grupo Popular no Concello, María Pose Rodríguez, “en ningún momento prohibiu, condicionou nin coaccionou” a ningún integrante para asistir á sesión plenaria. Segundo explican, tanto a participación como as decisións adoptadas por cada membro foron tomadas “de maneira libre, voluntaria e conforme ao propio criterio”.
Os populares consideran que as afirmacións realizadas polo rexedor local non se corresponden coa realidade dos feitos, motivo polo que as rexeitan “con firmeza”. Ademais, expresan o seu respaldo á actuación da portavoz popular, destacando que a súa conduta estivo guiada “polo respecto institucional, a transparencia e a defensa dos intereses dos veciños e veciñas de Santa Comba”.
A Agrupación Local do Partido Popular conclúe o comunicado reiterando o seu apoio a María Pose Rodríguez e defendendo a liberdade de actuación e decisión dos seus membros, fronte ás interpretacións realizadas polo alcalde durante o pleno.