Aitana Capeáns, campioa galega Sub-18 no Campionato Xunta de Galicia de lanzamentos

A deportista bañesa Aitana Capeáns acadou esta fin de semana un importante éxito deportivo ao proclamarse campioa galega Sub-18 nas probas de lanzamento de peso e lanzamento de disco, no Campionato Xunta de Galicia Sub-18 celebrado en Lugo.

A atleta completou unha actuación destacada, especialmente na proba de peso, onde logrou unha marca de 15,42 metros, resultado que supón un triplo recoñecemento: mellor marca persoal (MMP), mellor marca española da tempada (MMT) e novo récord galego Sub-18.

Ademais dos dous títulos autonómicos, Capeáns consolidouse como unha das promesas máis sólidas do atletismo galego na súa categoría, mostrando unha evolución constante ao longo da tempada.

Tras este éxito, a deportista xa ten posta a mirada no seu próximo gran reto: o Campionato de España Sub-18 ao aire libre, que se disputará a comezos de xullo en Castellón.

Desde o ámbito local, o Concello quixo felicitar a atleta polo seu rendemento e desexarlle sorte na súa próxima cita nacional, destacando o orgullo que supón para A Baña este novo logro deportivo.