Alternativa Enxebre denuncia que o concello de Fisterra segue sen remitir ao xulgado a documentación requirida hai meses

O concelleiro Francisco Martínez Traba trasladou no último Pleno municipal a súa preocupación pola falta de colaboración do Concello de Fisterra coa Administración de Xustiza ao continuar sen remitir a documentación requirida por un órgano xudicial no marco dun procedemento actualmente en tramitación.

Fisterra, 8 de xuño de 2026.

Segundo explicou Francisco Martínez Traba durante a súa intervención, este procedemento ten a súa orixe nunha denuncia presentada polo propio concelleiro tras detectar durante a súa etapa como membro do Goberno municipal unha serie de feitos que considerou de especial gravidade e que, ao seu xuízo, poderían presentar indicios de posibles actuacións contrarias á legalidade, entre elas posibles delitos contra a Administración Pública ou outras responsabilidades que corresponda determinar aos órganos competentes.

Tal e como expuxo no Pleno, o órgano xudicial requiriu ao Concello de Fisterra a remisión de diversa documentación municipal relacionada co procedemento. Ante a falta de entrega desa documentación, o propio xulgado viuse obrigado a reiterar expresamente o seu requirimento a finais do mes de marzo.

Pois ben, máis de dous meses despois dese novo requirimento xudicial, e tal e como foi recoñecido polo propio alcalde durante o Pleno celebrado o pasado 4 de xuño, a documentación continúa sen ser remitida ao xulgado.

Francisco Martínez Traba considera especialmente preocupante esta situación porque, segundo sinala, non estamos ante un simple trámite administrativo pendente, senón ante un requirimento efectuado por un órgano xudicial ao que o Concello segue sen dar cumprimento máis de dous meses despois da súa reiteración.

Durante o debate plenario, o alcalde xustificou a falta de remisión da documentación alegando que se trata dun volume importante de información e que a súa preparación require tempo. Porén, Francisco Martínez Traba considera que esa explicación resulta insuficiente.

«Cando un xulgado require documentación a unha Administración pública, a prioridade absoluta debe ser colaborar coa Xustiza. Resulta difícil de entender que, despois dun requirimento inicial, dunha posterior reiteración xudicial e de máis de dous meses transcorridos desde esta última, o Concello continúe sen remitir a documentación solicitada», afirmou o concelleiro.

Francisco Martínez Traba lembra ademais que a colaboración coa Administración de Xustiza constitúe unha obriga legal de todas as administracións públicas e que os requirimentos efectuados polos órganos xudiciais deben ser atendidos coa máxima dilixencia.

«O cumprimento dos requirimentos xudiciais non pode quedar condicionado á conveniencia política nin relegado a un segundo plano. Trátase dunha obriga legal que debe ser atendida coa máxima dilixencia por calquera Administración pública», engadiu.

Así mesmo, advertiu durante o Pleno de que a falta de atención aos requirimentos xudiciais pode derivar en consecuencias para a propia institución municipal e para os responsables de dar cumprimento a esas obrigas, xa que os órganos xudiciais dispoñen dos mecanismos legais necesarios para garantir a execución dos seus requirimentos e a obtención da documentación solicitada.

Francisco Martínez Traba considera que o Goberno municipal debe remitir de maneira inmediata toda a documentación requirida e ofrecer explicacións claras á veciñanza sobre os motivos polos que, meses despois da solicitude inicial e da posterior reiteración do requirimento xudicial, o Concello de Fisterra continúa sen entregar ao xulgado a documentación solicitada.

Desde Alternativa Enxebre compartimos plenamente a preocupación expresada polo concelleiro Francisco Martínez Traba e entendemos que a legalidade, a transparencia e o respecto ás institucións deben demostrarse con feitos e non con escusas.

Neste caso, os feitos son claros: o xulgado solicitou documentación ao Concello de Fisterra, posteriormente tivo que reiterar expresamente ese requirimento a finais do mes de marzo e, segundo recoñeceu o propio alcalde durante o Pleno do pasado 4 de xuño, esa documentación continúa sen ser remitida ao órgano xudicial.