
O grupo municipal do BNG de Malpica trasladou ao goberno local a súa preocupación polos recentes actos vandálicos e condutas incívicas rexistrados no municipio durante a fin de semana previa ao pleno ordinario de maio.
Na sesión plenaria, o BNG preguntou ao executivo municipal se tiña previsto adoptar algunha medida para evitar este tipo de comportamentos, que, segundo sinalou a formación nacionalista, están a causar danos no mobiliario urbano e a xerar malestar entre a veciñanza.
En resposta, o concelleiro de Seguridade Cidadá, Rodrigo Mato, explicou que nos últimos meses xa se reforzou puntualmente a presenza policial en horario nocturno. Segundo indicou, «fai uns meses xa estivo a policía facendo algunhas horas de noite, pola semana e no fin de semana. Días esporádicos estiveron moitos».
Pola súa banda, o alcalde, Eduardo Parga, fixo referencia ás limitacións de persoal coas que conta o servizo municipal. «A Policía é a que temos. Se a temos de noite non a temos para o colexio», afirmou, engadindo que o Concello deberá contar tamén coa colaboración da Garda Civil para facer fronte a esta problemática.
Desde o BNG consideran necesario continuar abordando esta situación para garantir a convivencia e preservar os espazos públicos, ao tempo que reclaman medidas eficaces que permitan previr novos episodios de vandalismo e mellorar a seguridade no municipio.