
Un home duns 60 anos, veciño de Corme, foi evacuado en helicóptero medicalizado do 061 na tarde deste luns despois de sufrir unha indisposición na súa vivenda, situada na entrada de Corme Porto, na contorna da praia da Arnela.
O aviso activouse pasadas as catro da tarde e ata o lugar desprazouse o helicóptero do 061, que tomou terra nas inmediacións da vivenda para proceder ao traslado do paciente. Segundo indicaron fontes dos servizos de emerxencias, o home permanecía consciente no momento da intervención.
No operativo participaron tamén unha ambulancia con base en Carballo, efectivos da Garda Civil, da Policía Local e de Protección Civil, que colaboraron na asistencia e na coordinación do dispositivo.
Tras o suceso, a plataforma que reclama unha ambulancia medicalizada para a Costa da Morte volveu denunciar as carencias asistenciais da comarca. A través das redes sociais explicou que a ambulancia de Ponteceso tivo que atender «un servizo crítico que precisaba con urxencia o apoio dunha ambulancia medicalizada», mentres que «as dúas unidades medicalizadas da Coruña estaban ocupadas». Ademais, asegurou que o helicóptero con base en Santiago «volveu estar inoperativo», unha situación que, segundo a plataforma, evidencia a necesidade de reforzar os recursos sanitarios de emerxencias na Costa da Morte.