O BNG da Laracha reclama a reposición do pasamáns da praia do Caracoleiro e da iluminación do paseo do Saldoiro en Caión

O BNG da Laracha vén de presentar un novo rogo para o seu debate no Pleno municipal no que solicita ao Goberno local que actúe con urxencia para solucionar dúas deficiencias existentes en Caión: a reposición do pasamáns da escaleira de acceso á praia do Caracoleiro e das balizas de iluminación do paseo do Saldoiro.

A portavoz do Grupo Municipal do BNG, Carolina Castiñeiras Brandón, denuncia que ambas as dúas actuacións seguen pendentes en plena tempada estival, precisamente cando Caión recibe un maior número de visitantes e estes espazos rexistran unha elevada afluencia de persoas.

No caso da praia do Caracoleiro, a formación nacionalista advirte de que a escaleira permanece sen pasamáns na súa parte inferior, unha situación que compromete a seguridade das persoas usuarias e transmite unha imaxe de abandono dun dos accesos á praia.

Así mesmo, o BNG lembra que desde finais do pasado verán continúan sen repoñerse as catorce balizas de iluminación que resultaron danadas por actos vandálicos no paseo do Saldoiro, ademais doutros elementos do mobiliario urbano. A formación xa presentara un rogo no pleno do pasado mes de xaneiro para que a iluminación estivese restablecida antes do verán, pero, segundo denuncia, «a realidade é que en pleno mes de xullo seguimos igual».

Para o BNG, resulta incomprensible que estas actuacións aínda non se executasen, tendo en conta a importancia que teñen tanto para a seguridade como para a imaxe dun dos principais destinos turísticos do municipio.

Por este motivo, o Grupo Municipal do BNG solicita que tanto o pasamáns da escaleira da praia do Caracoleiro como as luces do paseo do Saldoiro sexan repostos á maior brevidade posible, garantindo así unhas instalacións públicas seguras e en condicións para a veciñanza e para todas as persoas que visitan Caión durante o verán.