O PP de Val do Dubra denuncia o abandono da limpeza dos camiños e pregunta «onde está o alcalde?»

O Partido Popular de Val do Dubra denuncia o estado de abandono no que se atopan numerosos camiños do municipio, totalmente cubertos pola maleza en pleno mes de xullo.

Os populares lembran que, cando estaban na oposición, os actuais responsables do goberno municipal do PSOE criticaban con dureza a falta de limpeza dos viarios durante o mes de maio. «Agora que gobernan, a situación é aínda peor, con camiños invadidos pola vexetación e sen que se adopten medidas para solucionar este problema», sinalan.

Desde o PP formulan unha pregunta directa ao rexedor: «Onde está o alcalde?», ao considerar que o goberno local está ausente ante unha situación que afecta á seguridade da veciñanza e á conservación do municipio.

Os populares advirten de que a limpeza dos camiños non é unha cuestión estética, senón unha actuación fundamental para previr incendios, garantir a visibilidade nas vías e facilitar o acceso ás propiedades e aos servizos de emerxencia.

«O mantemento do rural e a prevención non poden agardar. Falamos de seguridade, de prevención de incendios e de responsabilidade institucional», conclúen desde o PP de Val do Dubra, reclamando ao goberno municipal que actúe de maneira inmediata para limpar os camiños e cumprir coas obrigas de mantemento que lle corresponden.