
As traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) de Muxía participaron hoxe, unha vez máis, na manifestación celebrada en Santiago de Compostela para reclamar a actualización do convenio colectivo do sector, vixente desde o ano 2011.
Durante a mobilización, as profesionais reivindicaron unhas condicións laborais dignas e denunciaron o prolongado bloqueo na negociación do convenio, unha situación que, segundo sinalan, leva máis de quince anos sen resolverse.
As traballadoras aseguraron que continuarán coas mobilizacións ata que as súas demandas sexan escoitadas e se alcance un acordo que recoñeza o seu labor e mellore as súas condicións de traballo.
«Seguiremos na loita ata que nos escoiten, porque xa non imos calar máis», manifestaron, reiterando o seu compromiso de manter a presión para conseguir un convenio digno para todo o sector.