

A portavoz do Partido Popular de Camariñas, Paula Mouzo Mas, solicitou por escrito á alcaldesa do municipio que adopte medidas urxentes para facer fronte á presenza de ratas na parroquia de Arou, unha situación que, segundo indica, está a xerar preocupación e molestias entre a veciñanza.
Mouzo explica que trasladou esta petición ao Goberno local despois de recibir as queixas de varios residentes, que alertan da proliferación destes roedores en diferentes puntos da parroquia. A portavoz popular considera que esta problemática require unha actuación inmediata por parte do Concello para garantir a salubridade e a tranquilidade dos veciños.
«É necesario que o Goberno municipal dea explicacións sobre as causas desta situación e, sobre todo, que poña en marcha as medidas necesarias para erradicar esta praga canto antes», sinalou Paula Mouzo.
Desde o Partido Popular de Camariñas reclaman que se leven a cabo actuacións de desratización, así como unha revisión do estado das zonas afectadas para evitar que o problema continúe agravándose.
A formación popular agarda unha resposta rápida por parte do executivo local e insiste en que a protección da saúde pública e o benestar da veciñanza deben ser unha prioridade. «Os veciños de Arou merecen unha solución eficaz e inmediata ante unha situación que non pode prolongarse no tempo», conclúe a portavoz.