Nace Praia Pallet Razo, unha iniciativa para implicar á cidadanía no coidado do litoral

Razo incorpora catro estruturas elaboradas con madeira reciclada para recoller unicamente os residuos que o mar devolve á costa.

A praia de Razo conta desde agora con Praia Pallet Razo, unha nova iniciativa de sensibilización ambiental que busca fomentar a participación cidadá na conservación do litoral. O proxecto dá continuidade á experiencia iniciada en Malpica e ten como principal obxectivo implicar a todas as persoas que gozan das praias no coidado do mar e dos areais.

Ao longo das saídas da praia instaláronse catro Praia Pallet, estruturas construídas principalmente con madeira reciclada procedente de palés. Estes puntos están destinados exclusivamente á recollida dos residuos que o mar devolve á costa, como plásticos, cordas, madeiras ou outros materiais arrastrados polas correntes.

Desde a organización lembran que non se trata de papeleiras convencionais, polo que os residuos xerados durante a estancia na praia deberán seguir depositándose nos contedores e papeleiras habilitados para ese fin.

A iniciativa forma parte do proxecto «Defende o mar a través do surfing», que adapta ás praias galegas unha idea impulsada en Fuerteventura por Clean Ocean Project, promovendo a colaboración entre entidades, administracións e cidadanía para reducir o impacto dos residuos mariños.

Na fabricación de cada Praia Pallet colaboraron as Redeiras O Fieital de Malpica, responsables da confección do saco de rede, e o Centro Especial de Emprego Asociación Aspaber, encargado da elaboración das estruturas de madeira a partir de materiais reciclados.

Os impulsores da iniciativa agardan que o proxecto continúe medrando e que máis praias e concellos se sumen a esta rede de Praia Pallet, contribuíndo así á protección dos océanos e á conservación dos areais.

«Cada pequeno xesto conta. Se o mar trae un residuo, entre todos podemos axudar a retiralo e contribuír a manter as nosas praias máis limpas», destacan desde a organización.