
Corme (Ponteceso) converterase este sábado, 18 de xullo, no epicentro da gastronomía mariñeira coa celebración da XXXIII Festa do Percebe, unha das citas máis destacadas do verán na Costa da Morte. Miles de persoas achegaranse á vila para render homenaxe ao produto estrela da localidade e ao traballo dos percebeiros e mariñeiros.
A programación dará comezo ás 12.00 horas coa misa en honra dos percebeiros e mariñeiros, acompañada pola actuación da Banda de Gaitas dos Petafortes. Á mesma hora iniciarase a cocción do percebe e a venda de tickets para a degustación.
Ás 13.30 horas celebrarase o acto oficial de inauguración da festa, co tradicional pregón, dando paso á sesión vermú e á esperada degustación gastronómica. Os asistentes poderán saborear percebe, polbo, churrasco, empanada, pan e viño nun ambiente festivo que cada ano reúne a milleiros de visitantes. Ás 15.00 horas será a quenda da actuación musical de Tren da Unha.
A festa continuará pola tarde coa estrea do Festival Ouro Negro, que arrancará ás 19.00 horas e ofrecerá máis de 16 horas de música con dous escenarios móbiles, os mellores DJs de Galicia e dous artistas internacionais. O cartel estará formado por DJ Tank, Pawly, Groove Amigos, Tuxiro, Toni Seijas, Drew Korme, Dmiron, Rokiño e Riskero.
Os máis pequenos tamén terán o seu espazo de lecer, con gardería e inchables gratuítos durante a xornada.
Para facilitar a asistencia, a organización habilitará aparcadoiros gratuítos e un servizo oficial de autobuses da Festa do Percebe con saídas desde distintos puntos de Galicia.
A XXXIII Festa do Percebe promete converter Corme nun gran punto de encontro para os amantes da gastronomía, da música e das tradicións mariñeiras, nunha celebración que cada ano reforza a identidade e o atractivo turístico da vila de Ponteceso