Polémica en Nemeño polo corte dunha árbore na praza da igrexa: a Comisión de Festas desvincúlase e reclama explicacións ao Concello

O corte dunha árbore na praza da igrexa de Nemeño xerou malestar entre numerosos veciños, que nos últimos días trasladaron as súas queixas á Comisión de Festas ao pensar que a actuación estaba relacionada cos preparativos das celebracións.

Ante a polémica, a Comisión de Festas fixo público un comunicado no que asegura que non tivo ningunha responsabilidade na decisión de cortar a árbore.

«Boas tardes, debido ás múltiples mensaxes recibidas por algún membro desta comisión polo corte da árbore na praza da igrexa, vémonos na obriga de aclarar que a comisión non tivo nada que ver. Cremos que foi un malentendido entre o Concello de Ponteceso e a empresa de xardinería. Estivemos intentando comunicarnos co Concello para que nos dera explicacións, pero polo de agora non tivemos resposta. Intentarase remedialo dalgunha maneira coa plantación doutras árbores ao finalizar a festa deste ano, que pronto anunciaremos. Sentimos o ocorrido.»

Segundo a propia comisión, intentouse contactar co Concello de Ponteceso para coñecer os motivos da actuación, pero aseguran que, ata o momento, non obtiveron ningunha explicación oficial.

A situación abriu tamén un debate entre a veciñanza. Nas redes sociais e en conversas entre os residentes, son varios os que se preguntan quen autorizou o corte e por que non houbo información previa. Entre os comentarios destaca a pregunta dun veciño:

«Pero… o alcalde de barrio non contacta co Concello??!!»

Agora, moitos veciños agardan que o Concello de Ponteceso aclare o sucedido e explique os motivos que levaron ao corte da árbore nun espazo tan emblemático da parroquia, mentres a Comisión de Festas insiste en que foi allea á decisión e confía en compensar a perda coa plantación de novas árbores unha vez rematen as festas.