
Os Bombeiros da Coruña interviñeron ás 22:07 horas deste xoves na extinción de dous incendios declarados no polígono de Vío, cuxos focos se atopaban a certa distancia un do outro.
Ata o lugar desprazouse unha dotación de Bombeiros cun vehículo forestal e media hora despois outra.Tamén estiveron presentes 7 vehículos de Policia. Os profesionais conseguiron controlar un dos focos ata a chegada dos axentes forestais da Xunta de Galicia, que completaron as tarefas de extinción e deron por finalizado o conato.
No operativo tamén participaron efectivos do Servizo de Emerxencias de Oleiros e dos Bombeiros de Arteixo, que colaboraron nas labores para evitar a propagación das lapas.
Segundo informaron os Bombeiros da Coruña, a Policía Nacional comunicou a detención dun home como presunto autor dos incendios. Polo momento, non transcenderon máis detalles sobre a investigación nin sobre as circunstancias que rodearon o suceso.