
Dumbría contará cun novo Punto de Atención á Infancia (PAI) na parroquia de Berdeogas tras a sinatura do convenio de colaboración entre a Deputación da Coruña e o Concello de Dumbría. O proxecto supón un investimento total de 189.775,26 euros, dos que a institución provincial achegará o 80 % (151.820,20 euros), mentres que o Concello asumirá o importe restante con fondos propios.
O acordo foi rubricado polo presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, e o alcalde de Dumbría, Raúl González Lado, que destacaron a importancia desta actuación para mellorar os servizos de conciliación e reforzar a atención á infancia no municipio.
O futuro PAI ofrecerá un servizo municipal de atención diúrna para nenos e nenas de entre tres meses e tres anos, destinado a facilitar a conciliación da vida laboral e familiar das familias, especialmente daquelas que precisan un recurso flexible de coidado durante determinadas horas do día.
Durante a sinatura, Formoso subliñou que “dotar os concellos rurais de servizos de conciliación é fundamental para garantir as mesmas oportunidades ás familias que apostan por vivir no rural”, destacando ademais que este tipo de equipamentos contribúen a fixar poboación e mellorar a calidade de vida no territorio. Tamén incidiu na importancia da colaboración institucional para facer realidade investimentos que, en moitos casos, serían difíciles de asumir en solitario polos pequenos concellos.
Pola súa banda, o alcalde de Dumbría asegurou que o novo servizo permitirá responder a unha demanda existente entre as familias do municipio, ampliando a oferta de recursos públicos destinados á infancia.
Rehabilitación da antiga escola unitaria
O proxecto contempla a rehabilitación e ampliación da antiga escola unitaria de Berdeogas, situada xunto ao centro social e cultural da parroquia. A actuación desenvolverase nunha parcela de aproximadamente 604 metros cadrados e incluirá unha pequena ampliación na parte traseira do edificio para adaptalo ás necesidades do novo servizo.
As instalacións disporán de recepción, despacho, aseo accesible, sala infantil con zona de gateo e descanso, aseos adaptados para os menores, espazo para preparación de alimentos e unha área exterior de xogos, acondicionada con elementos de seguridade e unha parte cuberta.
O deseño do centro permitirá unha supervisión continua dos menores, con conexión visual entre os diferentes espazos. Ademais, o edificio incorporarase ás actuais esixencias de accesibilidade, eficiencia enerxética, climatización e iluminación.
O prazo previsto para executar as obras é de doce meses, polo que o novo Punto de Atención á Infancia converterase nun novo recurso de proximidade para favorecer a conciliación das familias de Dumbría e reforzar os servizos públicos no ámbito rural.