
A Laracha, 28 de xullo de 2026.- A Plataforma Stop Biogás A Laracha organiza este mércores 29 de xullo, coincidindo coa celebración de Santa Marta, unha peregrinación popular en defensa da parroquia de Soandres e contra o proxecto de macroplanta de biogás previsto na zona.
A convocatoria está aberta á veciñanza do municipio e dará comezo a partir das 12.00 horas desde distintos puntos da parroquia. O percorrido concluirá no Mosteiro de Soandres, onde os participantes serán recibidos polos gaiteiros da Asociación Cultural Queiroga antes da celebración da tradicional misa de Santa Marta.
Segundo explican desde a plataforma, a iniciativa busca “camiñar e compartir as nosas raíces, fortalecer a unión da veciñanza e reafirmar o noso compromiso coa defensa da nosa terra, da nosa auga e do noso patrimonio”. A entidade asegura ademais que continuará impulsando accións e iniciativas en distintos ámbitos para expresar a súa oposición ao proxecto.
A preocupación da plataforma céntrase especialmente nos posibles efectos ambientais da planta. Os seus integrantes advirten da situación de seca e da falta de caudal continuo no tramo do río Anllóns onde, segundo denuncian, a instalación vertería residuos líquidos tratados. Consideran que esta circunstancia podería ter consecuencias para o ecosistema fluvial, a biodiversidade e para as poboacións que utilizan a auga do Anllóns ao longo do seu percorrido.
Nos últimos meses, a Plataforma Stop Biogás A Laracha xa promoveu diferentes actividades de sensibilización e mobilización cidadá, entre elas rutas de sendeirismo e encontros informativos destinados a divulgar os argumentos da súa campaña.
Horarios da peregrinación
- Bar Paco (Borreiros): 12.00 horas
- Campo de Medado (marquesina do cruce a Boimir): 12.00 horas
- Bar Estanco (Villamir): 12.15 horas
- Chegada ao Mosteiro de Soandres: 12.45 horas
- Recibimento dos gaiteiros e misa de Santa Marta: 13.00 horas
A organización anima á participación da veciñanza nunha xornada que combinará reivindicación social, patrimonio cultural e tradición relixiosa no corazón da parroquia de Soandres.
