Alternativa Enxebre leva ao debate público dúas actuacións para recuperar espazos peonís en Arteixo

Arteixo. Alternativa Enxebre volveu situar a defensa do espazo público e da mobilidade peonil no centro da súa acción política ao dar a coñecer dúas iniciativas relacionadas coa ocupación irregular de beirarrúas no municipio.

Por unha banda, a formación puxo en valor a eliminación dunha caseta ilegal que durante anos ocupou un espazo público. Segundo explica o grupo, a retirada desta construción permitiu recuperar a beirarrúa para o uso da veciñanza, unha actuación que atribúen ao traballo de denuncia desenvolvido pola súa concelleira, Noelia Martínez Canosa, e polo conxunto do equipo de Alternativa Enxebre.

A formación asegura que esta intervención demostra que «cando hai compromiso, traballo, constancia e valentía para denunciar aquilo que está mal, as cousas cambian». Ademais, sostén que a recuperación deste espazo simboliza o seu compromiso coa defensa do interese xeral e co cumprimento da legalidade.

Rogo para evitar o estacionamento sobre a beirarrúa

Paralelamente, Alternativa Enxebre informou da presentación dun rogo no pleno ordinario do mes de xullo para reclamar medidas que poñan fin á ocupación da beirarrúa situada diante do Estanco Baiuca, na Travesía de Arteixo.

Segundo denuncia a formación, é habitual que diversos vehículos estacionen total ou parcialmente sobre a beirarrúa, obrigando ás persoas peóns, especialmente ás persoas maiores, familias con carriños de bebé e persoas con mobilidade reducida, a invadir a calzada para continuar o seu percorrido.

O grupo considera que esta situación supón un risco para a seguridade peonil e tamén dificulta o cruzamento de vehículos ao reducir a anchura útil da vía.

Por este motivo, o rogo solicita ao Goberno municipal que adopte medidas eficaces para impedir o estacionamento sobre a beirarrúa, estudando a instalación de bolardos ou doutros elementos de protección que garantan a accesibilidade e a seguridade nesta zona.

Alternativa Enxebre asegura que continuará impulsando iniciativas destinadas a resolver problemas que afectan á vida diaria da veciñanza e insiste en que a recuperación dos espazos públicos e a mellora da accesibilidade seguirán sendo unha das súas prioridades no Concello de Arteixo.