O BNG leva aos tribunais ao portavoz do PSOE de Muxía polos ataques verbais contra Mercé Barrientos

A secretaria de Organización do BNG, Lucía López, considera que o comportamento de Santiago Toba “superou todos os límites” e reclama á dirección socialista que tome medidas

Santiago de Compostela, 21 de xullo de 2026. O BNG anunciou a presentación dunha demanda xudicial contra o portavoz municipal do PSOE de Muxía, Santiago Toba, polos reiterados ataques verbais e descualificacións que, segundo denuncia a formación nacionalista, terían como destinataria a portavoz municipal do BNG, Mercé Barrientos.

A secretaria de Organización do BNG, Lucía López, denunciou que o comportamento do edil socialista “superou todos os límites” e asegurou que a organización nacionalista “non o vai consentir”. López defendeu que a confrontación política forma parte da democracia, pero advertiu de que “o insulto, a intimidación e a falta de respecto non poden formar parte da vida pública”.

Desde o BNG reclaman tamén á dirección do PSOE que asuma a súa responsabilidade ante a gravidade dos feitos e adopte medidas. “A veciñanza de Muxía merece representantes que confronten proxectos, non que recorran ao insulto e á descualificación”, afirmou López.

Segundo explicou a responsable nacionalista, o BNG leva tempo advertindo da “deriva inaceptable” que atribúe ao portavoz socialista de Muxía, cunha actitude que, segundo a súa versión, estaría marcada por “agresións verbais, ataques persoais e descualificacións constantes” contra Barrientos.

“Non estamos diante dun feito illado, senón dun comportamento reiterado incompatible coa responsabilidade que debe asumir calquera representante público”, sinalou López.

O BNG denuncia unha “dimensión machista”

A secretaria de Organización do BNG asegurou ademais que os ataques denunciados terían “unha clara dimensión machista”. Ao seu xuízo, trátase dunha forma de facer política que pretende “desacreditar, intimidar e expulsar as mulleres do espazo público mediante o insulto e a humillación”.

“Cando se pretende silenciar a unha muller que exerce con firmeza a súa responsabilidade política, estamos diante dunha forma de violencia política machista”, afirmou.

Pola súa banda, Mercé Barrientos asegurou que as expresións e o trato recibido por parte do portavoz socialista son “absolutamente inaceptables” e incompatibles co exercicio dun cargo público.

“Nós estamos na política para presentar proxectos, para mirar pola veciñanza e para debater ideas. Non estamos aquí para recibir as agresións que veño soportando desde que son portavoz do BNG de Muxía”, afirmou a concelleira nacionalista.

Barrientos explicou tamén que as actas dos plenos poden recoller determinadas expresións, pero non sempre permiten reflectir outros elementos do comportamento durante as sesións. “As actas recollen algunhas palabras, pero non poden recoller as risas, os acenos agresivos, o ton de voz nin a reiteración constante dos insultos”, sinalou.

Entre as expresións que o BNG atribúe ao concelleiro socialista figuran frases como “Queremos e non queremos, a puntiña só, nada máis”; “Mercé Barrientos anda saltando polos zarzales a altas horas da madrugada”; “algunha vai ter que comer as súas palabras que lle van saber a ghómito de levar catro días comendo verdura” ou “vostede sabe tamén de puterío bastante”.

“Non nos van expulsar da política”

A portavoz municipal do BNG en Muxía mostrouse especialmente preocupada porque este tipo de comportamentos procedan, segundo sinalou, dun representante dun partido que “se di progresista e feminista”.

“Denuncio esta situación por min, pola miña familia, pero tamén por todas as mulleres, sexan do meu partido ou de calquera outro. Non nos van expulsar da política. Imos seguir aquí e imos seguir apoiándonos”, concluíu Barrientos.

O BNG asegura que continuará apoiando á súa concelleira e defendendo unha forma de facer política baseada no “respecto, a igualdade e a dignidade”, ao tempo que agarda unha resposta da dirección do PSOE ante os feitos denunciados.