O BNG de Vimianzo critica a falta de previsión do goberno municipal coa brigada contra incendios

A formación nacionalista denuncia que o Concello agardou ao pleno de xullo para iniciar a contratación, malia coñecer desde abril de 2025 a necesidade de contar co dispositivo

Vimianzo, 29 de xullo de 2026. O BNG de Vimianzo criticou a falta de previsión do goberno municipal na posta en marcha da brigada de prevención e defensa contra incendios forestais. A formación nacionalista denuncia que o Concello agardou ata o pleno do mes de xullo para iniciar o procedemento de contratación do persoal, a pesar de que o convenio que contemplaba este dispositivo fora asinado xa en abril de 2025.

Segundo sinala o BNG, a propia resolución municipal establece unha redución do prazo para presentar solicitudes, que pasa a ser de 10 a 5 días, coa intención de que o persoal poida incorporarse o 1 de agosto. Para os nacionalistas, esta decisión evidencia as présas coa que se está a tramitar a contratación, nun momento no que xa se están rexistrando incendios no municipio.

«Non estamos ante un imprevisto. O Concello sabía desde abril de 2025 que debía contar con esta brigada en 2026 e tiña un convenio e financiamento para facelo. Chegar agora ás présas evidencia falta de planificación e traballo previo», manifestou Benxamín Queiro Pérez, voceiro do BNG de Vimianzo.

A formación nacionalista considera que a prevención dos incendios forestais require planificación e anticipación, especialmente durante os meses de maior risco. Neste sentido, cuestiona que a contratación do dispositivo se active a finais de xullo, cando a tempada de incendios xa está en marcha.

O portavoz do BNG reclamou ao goberno municipal «máis traballo diario e planificación e menos propaganda» e engadiu: «Gobernar tamén é facer a tempo o traballo que non sae nas fotos».

O BNG de Vimianzo insiste así en que o Concello dispoñía con suficiente antelación da información, do convenio e do financiamento necesarios para preparar a brigada, polo que considera que a situación actual responde a unha falta de previsión e planificación por parte do goberno municipal.