
Os populares defenden o papel do Concello na organización das celebracións e aseguran que o PSOE “busca moito o titular”
O Partido Popular de Malpica saíu ao paso das recentes afirmacións realizadas polo PSOE local sobre as Festas do Mar, acusando á formación socialista de actuar con “demagoxia, pouca coherencia e oportunismo político”.
Nun comunicado, os populares aseguran que as críticas do PSOE non se corresponden coa realidade e reivindican o papel que, segundo sinalan, continúa desempeñando o Concello na celebración das festas da vila.
O PP destaca que o Concello de Malpica segue colaborando activamente na organización das Festas do Mar, asumindo diferentes gastos e trámites. Entre eles, os populares citan a contratación da Banda de Música, o financiamento, xunto coa Confraría de Pescadores, da pólvora da procesión e das actuacións musicais das sesións vermú.
Así mesmo, o Partido Popular sinala que o Concello se encarga de tramitar os permisos necesarios ante Portos de Galicia, asumindo tamén os custos derivados destas xestións.
Desde a formación popular consideran que as declaracións do PSOE responden a unha estratexia de confrontación política e acusan os socialistas de “buscar moito o titular”, ao tempo que cuestionan a súa coherencia á hora de abordar a situación das festas no municipio.
Críticas tamén ás parroquias
O PP de Malpica aproveita o comunicado para poñer o foco na situación das festas patronais das parroquias do municipio. Segundo os populares, o PSOE amosa “dobre moral” ao centrar as súas críticas nas Festas do Mar mentres, din, “esquece as parroquias que levan anos sen poder celebrar as súas festas patronais pola falta de comisións organizadoras”.
Os populares consideran que esta situación evidencia, ao seu xuízo, unha “preocupante falta de respecto pola realidade” e reclaman que o debate sobre as celebracións festivas do municipio vaia máis alá das festas da vila.
O PP conclúe defendendo a colaboración municipal coas Festas do Mar e censurando o que cualifica de “oportunismo político” por parte do PSOE de Malpica.