
A formación independente defende as instalacións de biogás vinculadas ás explotacións locais, pero considera que o proxecto previsto constitúe unha industria privada de xestión de residuos externos
Mazaricos, 18 de agosto de 2026. O grupo municipal independente Espazo Galego Común Mazaricos (ESCO) manifesta a súa oposición á macroplanta de biometano proxectada no municipio e reclama ao Concello que utilice as súas competencias urbanísticas para impedir a súa instalación.
O concelleiro independente de ESCO, Javier González, diferencia entre os proxectos de biogás vinculados ao autoconsumo das explotacións gandeiras e a planta industrial prevista en Mazaricos. “Apoiamos e apoiaremos sempre aos nosos gandeiros e ás instalacións de biogás vinculadas ao autoconsumo das explotacións de Mazaricos. Iso é axudar ao sector primario”, sinala.
Segundo ESCO, a instalación proxectada tería unha finalidade industrial e estaría destinada á xestión de residuos procedentes do exterior, cun movemento previsto de máis de 36.000 toneladas anuais. A formación denuncia ademais que a planta estaría situada a uns 530 metros das vivendas, polo que considera que o proxecto pode xerar importantes molestias e riscos para a veciñanza.
ESCO cuestiona o encaixe urbanístico
A formación lembra que Mazaricos non dispón actualmente de Plan Xeral de Ordenación Municipal (PXOM), polo que o planeamento municipal se rexe polas Normas Subsidiarias.
Neste contexto, ESCO considera que unha instalación industrial destas características non ten un encaixe automático no solo rústico e subliña o papel do Concello na tramitación das correspondentes licenzas. “O Concello non pode escusarse na Xunta: a licenza de obras e a de actividade son competencia municipal, e a prioridade ten que ser a calidade de vida das veciñas e veciños”, afirma González.
Preocupación polo tráfico, os cheiros e os acuíferos
ESCO advirte tamén das consecuencias que, ao seu xuízo, podería ter a actividade sobre o territorio. Entre os principais motivos de preocupación sitúa o incremento do tráfico pesado polo Camiño Pesadoira e a AC-400, cun volume de transporte que a formación cifra en máis de 100 toneladas diarias.
A formación municipal tamén alerta das posibles molestias por cheiros e do risco de contaminación dos acuíferos e cursos de auga locais asociado á xestión do dixestato, especialmente pola presenza dunha balsa cunha capacidade prevista de 9.400 metros cúbicos.
Para ESCO, estes impactos deben ser avaliados con especial rigor antes de permitir o avance do proxecto.
Moción no vindeiro Pleno
Ante esta situación, o grupo municipal anuncia que presentará unha moción no vindeiro Pleno para reclamar o rexeitamento institucional do proxecto e do actual procedemento ambiental.
Entre as medidas que propoñerá figuran que o Concello manifeste o seu rexeitamento ao informe de impacto ambiental da Xunta, que se solicite unha Avaliación de Impacto Ambiental ordinaria e que se empreguen as ferramentas urbanísticas municipais dispoñibles para analizar e, se procede, impedir a implantación da actividade.
ESCO insiste en que a súa oposición á macroplanta non supón un rexeitamento ao aproveitamento enerxético dos residuos gandeiros. Pola contra, defende modelos ligados ás propias explotacións, baseados no autoconsumo e na economía circular, fronte ao que cualifica como unha macroinstalación industrial destinada á recepción e tratamento de residuos externos.