
O Partido Socialista reclama aos concellos da comarca que informen e acompañen á mocidade para aproveitar unha oportunidade que pode contribuír a fixar poboación e revitalizar os municipios
Carballo, 23 de agosto de 2026. O PSdeG-PSOE da Comarca de Bergantiños insta os gobernos municipais da bisbarra a aproveitar a nova liña de axudas para a adquisición de vivenda impulsada ao abeiro do Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 e a converter estes fondos nunha oportunidade para atraer e fixar xente nova no territorio.
A convocatoria da Xunta, publicada no Diario Oficial de Galicia o pasado 19 de agosto, abrirá o prazo de solicitude o xoves 27 de agosto ás 9.00 horas. A liña conta cun orzamento de 2 millóns de euros e contempla axudas de ata o 20 % do prezo de adquisición, cun máximo de 15.000 euros por vivenda, para a compra de inmobles novos ou usados en concellos de ata 10.000 habitantes. O prazo permanecerá aberto ata o 16 de novembro ás 14.00 horas.
O coordinador comarcal do PSdeG de Bergantiños, José Manuel Pérez Abelenda, considera que esta medida pode ser especialmente importante para os concellos da comarca que cumpran o límite de poboación, xa que permite facilitar o acceso á propiedade a persoas mozas e, ao mesmo tempo, favorecer o seu asentamento e empadroamento no rural.
As persoas beneficiarias deberán ter menos de 36 anos na data da solicitude, e a vivenda deberá converterse na súa residencia habitual e permanente durante, cando menos, cinco anos. O prezo de adquisición, incluídos os anexos, non poderá superar os 250.000 euros, sen impostos nin gastos inherentes.
A adquisición poderá ser realizada por unha ou dúas persoas e admítense tanto vivendas novas como usadas. Entre os requisitos figuran tamén os relativos á nacionalidade ou situación de residencia, aos límites de ingresos, á unidade de convivencia e á titularidade doutras vivendas.
O PSOE de Bergantiños anima, polo tanto, ás persoas interesadas a consultar con atención todas as condicións recollidas na convocatoria antes de presentar a solicitude.
O PSdeG comarcal reclama aos gobernos municipais que non se limiten a esperar a que a mocidade descubra por si mesma estas axudas, senón que desenvolvan un labor activo de difusión, asesoramento e acompañamento.
“Temos unha oportunidade para facilitar que mozos e mozas poidan mercar unha vivenda, empadroarse nos nosos concellos e construír aquí o seu proxecto de vida. Os concellos deben estar á vangarda desta oportunidade”, sinala Pérez Abelenda.
“A Xunta debe poñer como mínimo outros dous millóns”
O PSOE de Bergantiños reclama tamén á Xunta de Galicia que incremente a súa achega e poña, como mínimo, outros dous millóns de euros, á altura dos fondos que sustentan esta convocatoria estatal.
“A Xunta debe poñer como mínimo outros dous millóns, igual que o Goberno de Pedro Sánchez, porque as axudas van rematar pronto e son insuficientes para toda Galicia”, afirma o coordinador comarcal.
Pola súa banda, Patricia Iglesias, deputada socialista no Parlamento de Galicia, afirma que fará “seguimento á Xunta no Parlamento sobre o grao de execución, promoción e publicidade destas axudas para acceder á vivenda, o primeiro problema e preocupación da xente moza e das familias”.
Desde o PSdeG lembran que o propio Goberno de España estableceu no Plan Estatal de Vivenda 2026-2030 un modelo de corresponsabilidade entre o Estado e as comunidades autónomas, con financiamento estatal e unha achega mínima autonómica.
Para Galicia, o acordo de distribución territorial contempla 239,4 millóns de euros de financiamento estatal para o conxunto do Plan no período 2026-2030, aos que se suman 159,6 millóns de financiamento mínimo da comunidade autónoma.
“Se queremos que Bergantiños gañe habitantes e, especialmente, gañe xente nova, precisamos políticas que faciliten o acceso á vivenda e que dean motivos para quedar ou vir vivir aquí. Estes dous millóns de euros son unha oportunidade, pero precisamos máis ambición por parte da Xunta e tamén unha implicación activa dos concellos”, sinala Iglesias Rey.
Finalmente, o PSOE de Bergantiños anima ás persoas menores de 36 anos interesadas en mercar unha vivenda a revisar con antelación os requisitos e preparar a documentación, dado que a convocatoria se tramita en réxime de concorrencia non competitiva e a solicitude deberá realizarse por vía electrónica desde as 9.00 horas do 27 de agosto.