Vimianzo remata a primeira fase das obras de mellora e pavimentación do núcleo de Tufións

A actuación permitiu mellorar a accesibilidade, a seguridade viaria e a xestión das augas pluviais, combinando materiais como o formigón e o granito para respectar a identidade do núcleo rural

O Concello de Vimianzo vén de rematar a primeira fase das obras de mellora e pavimentación do núcleo de Tufións, unha actuación destinada a mellorar as condicións de accesibilidade e seguridade viaria, así como a xestión das augas pluviais.

Os traballos tamén tiveron en conta a integración da intervención na contorna e o respecto polos elementos tradicionais que forman parte da identidade dos núcleos rurais. Para iso, empregáronse diferentes materiais, entre eles o formigón e o granito, buscando combinar a funcionalidade da actuación coa conservación da estética propia da zona.

A alcaldesa de Vimianzo, Mónica Rodríguez, destacou o compromiso do Goberno municipal coa mellora das infraestruturas e dos servizos no rural. «Rematamos esta primeira fase, pero seguiremos traballando para completar a rede de pluviais e avanzar no saneamento», sinalou.

Pola súa banda, o concelleiro de Obras, Miguel Pérez, puxo en valor a importancia de desenvolver actuacións «funcionais, necesarias e respectuosas coa contorna e coa identidade de cada núcleo».

Desde o Concello sinalan que esta intervención forma parte do compromiso municipal coa mellora progresiva das infraestruturas e servizos nos núcleos rurais do municipio.

As obras contan co financiamento da Deputación da Coruña, a través do Plan POS.