
A actuación conta cunha axuda de 48.369,68 euros da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes e permitirá mellorar as condicións de uso dunha instalación con preto de 50 anos de antigüidade
O Concello de Ribeira continúa avanzando na mellora e modernización das instalacións deportivas municipais coa reforma integral dos vestiarios do campo de fútbol de Carreira, unha actuación que conta cunha axuda de 48.369,68 euros da Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes.
Os actuais vestiarios foron construídos hai aproximadamente 50 anos e, aínda que ao longo deste tempo foron obxecto de diferentes reparacións e actuacións de mantemento, o seu estado de deterioro fai necesaria unha intervención integral que permita adecuar estas instalacións ás necesidades actuais das persoas usuarias.
A reforma permitirá mellorar as condicións de seguridade, salubridade, accesibilidade e confort dos espazos, ofrecendo unhas instalacións máis axeitadas para a práctica deportiva e para o desenvolvemento das actividades dos diferentes clubs que empregan o campo.
Unha instalación de uso deportivo intenso
O campo de fútbol de Carreira acolle habitualmente a actividade do Carreira C.F., de varios equipos das categorías base do Atlético Ribeira e das categorías sénior e veterana do C.D. Artes.
En consecuencia, os vestiarios prestan servizo a centos de deportistas ao longo da tempada, polo que a actuación terá un impacto directo na calidade das condicións nas que se desenvolve a práctica deportiva.
Desde o Concello de Ribeira saliéntase a importancia de continuar investindo na conservación e renovación das infraestruturas deportivas municipais, especialmente daquelas instalacións que, pola súa antigüidade e intensidade de uso, precisan de actuacións de maior alcance.
A reforma dos vestiarios do campo de fútbol de Carreira permitirá así poñer ao día unha infraestrutura con décadas de servizo á veciñanza, garantindo un espazo máis seguro, funcional e saudable para todas as persoas que fan uso dela.