
O accidente produciuse na madrugada deste domingo na AG-11, á altura de Asados, e dúas persoas tiveron que ser trasladadas a un centro hospitalario
Unha saída de vía provocou na madrugada deste domingo un desprendemento de pedras que acabaron na calzada da AG-11, ao seu paso pola parroquia de Asados, en Rianxo. Posteriormente, sete vehículos que circulaban pola vía impactaron contra as rochas, o que lles ocasionou diversos danos materiais.
O accidente produciuse arredor do quilómetro 16 da AG-11. O primeiro aviso recibíase no 112 Galicia ás 01:05 horas, a través do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061. Pouco despois, varios particulares tamén alertaron do sucedido e indicaron que un vehículo sufrira unha saída de vía e acabara envorcado. Segundo os primeiros avisos, había persoas que precisaban asistencia sanitaria, aínda que todas conseguiran abandonar o vehículo polos seus propios medios.
Ante esta situación, desde a sala de operacións do 112 Galicia mobilizáronse os Bombeiros de Boiro, a Garda Civil e efectivos de Protección Civil de Rianxo.
Unha vez no lugar, os equipos de emerxencias confirmaron que o accidente se producira despois de que un vehículo saíse da vía e envorcase. Antes de envorcar, o coche bateu contra unhas rochas, provocando o seu desprendemento e a posterior caída de pedras sobre a calzada.
Como consecuencia, sete vehículos que circulaban pola AG-11 acabaron impactando contra as rochas, sufrindo diferentes danos materiais.
A estrada permaneceu cortada ao tráfico durante aproximadamente 30 minutos, mentres os equipos de intervención realizaban os labores necesarios para retirar as pedras e limpar a calzada.
En canto ás persoas feridas, os servizos sanitarios confirmaron que dúas persoas tiveron que ser trasladadas ao centro hospitalario de referencia para recibir asistencia médica.