A SD Esteirana e a Esteirana F proclámanse campioas do III Trofeo Concello de Muros

O campo municipal Eleuterio Balayo acolleu esta fin de semana as finais da terceira edición do Trofeo Concello de Muros de Fútbol Feminino e Masculino, nunha cita que puxo en valor o deporte local e o talento dos clubs da contorna.

Na categoría masculina, a SD Esteirana proclamouse campioa tras superar por 3-0 ao Volantes de Baño na final. O conxunto esteirán asinou así unha sólida actuación para facerse cun trofeo que recoñece o seu bo nivel competitivo.

Pola súa banda, na categoría feminina, o título foi tamén para a Esteirana F, que se impuxo por 7-3 a As Miúdas Bar El Muelle nunha final con goles e emoción ata o final.

A alcaldesa de Muros, María Lago, destacou a importancia desta competición como escaparate para o deporte da localidade. “Este trofeo é unha mostra da capacidade que teñen os nosos clubs e do compromiso compartido que temos por seguir dando a coñecer o deporte local, tanto feminino como masculino”, sinalou.

O concelleiro de Deportes, Damián Torea, felicitou á Esteirana polos dous títulos e agradeceu a participación do resto dos equipos, así como o apoio da veciñanza durante os encontros. “Parabéns á Esteirana polos trofeos e grazas a todos os clubs participantes e á veciñanza que asistiu aos partidos”, afirmou.

Torea aproveitou tamén para desexar “sorte a todos os equipos na nova tempada”, convencido de que será “boa” e de que os clubs conseguirán “os obxectivos que merecen”.

A terceira edición do Trofeo Concello de Muros pecha así cunha dobre celebración para a SD Esteirana e a Esteirana F, nunha fin de semana na que o fútbol feminino e masculino volveron compartir protagonismo no Eleuterio Balayo.