
O programa, desenvolvido en colaboración co Concello do Porto do Son, conta cun investimento de preto de 547.000 euros e permite formar 20 persoas desempregadas en conservación forestal e carpintaría e moble
Ribeira (A Coruña), 31 de agosto de 2026.– A delegada da Xunta de Galicia na Coruña, Belén do Campo, acompañada pola alcaldesa de Ribeira, Mariola Sampedro, visitou este luns dúas das actuacións que está a desenvolver o alumnado-traballador do taller de emprego Tahume XI neste municipio.
A iniciativa, organizada en colaboración entre os concellos de Ribeira e do Porto do Son e financiada polo Goberno galego, permite formar durante nove meses un total de 20 persoas desempregadas en diferentes especialidades vinculadas á conservación e mellora de montes, aos aproveitamentos forestais e aos traballos de carpintaría e moble.
Durante a visita, Belén do Campo e Mariola Sampedro desprazáronse ata a escola infantil municipal e a parcela de San Roque, onde coñeceron a evolución dos traballos realizados polo alumnado e intercambiaron impresións cos participantes.
Na escola infantil municipal están a levarse a cabo traballos de fabricación e tratamento de mobiliario, nos que participan os alumnos das especialidades de carpintaría e moble e de aplicación de vernices e lacas en elementos de carpintaría. Pola súa banda, na parcela de San Roque están a executarse actuacións de conservación e mellora forestal.
A delegada da Xunta destacou a importancia dos talleres de emprego como ferramenta para facilitar a adquisición de competencias profesionais e mellorar as posibilidades de incorporación ao mercado laboral. Segundo sinalou, estes programas permiten combinar formación e experiencia práctica mediante a realización de actuacións que, ao mesmo tempo, contribúen á mellora dos espazos e equipamentos públicos.
29 actuacións en Ribeira e Porto do Son
Ao longo dos nove meses de duración do Tahume XI, o alumnado-traballador desenvolverá un total de 29 actuacións de mellora e acondicionamento de espazos, equipamentos e zonas verdes nos concellos de Ribeira e do Porto do Son. En concreto, 16 delas corresponden ao municipio de Ribeira e 13 ao do Porto do Son.
En Ribeira, ademais dos traballos realizados na escola infantil municipal, o alumnado está a fabricar e instalar mobiliario para diferentes centros educativos. Entre as actuacións figuran as mesas rústicas de exterior para o colexio A Capela de Carreira e as mesas-merendeiro con banco destinadas ao colexio de Deán.
O programa inclúe tamén actuacións de mellora e mantemento de equipamentos municipais, como a reposición do valado do parque infantil de Sirves e os traballos de mantemento no parque infantil de Caticovas.
No ámbito forestal, os participantes están a realizar labores de conservación e mellora de montes en diferentes parcelas municipais, entre elas as situadas en San Roque, Soidade, Cruxeiras, Frións, Fieiteira, Castelo, Couso, Pedra Sombra, Deán Grande e Conlleira.
Nas próximas semanas está previsto que se inicien tamén os traballos para a instalación dunha pasarela de madeira no campo de fútbol do Carreiro, en Aguiño.
Preto de 547.000 euros de investimento
O taller de emprego Tahume XI conta cun investimento autonómico de preto de 547.000 euros. Do total, 92.000 euros están destinados a incentivos á inserción laboral: 3.000 euros para as empresas por cada participante contratado e outros 1.500 euros para o concello por cada inserción acadada.
O programa comezou o pasado 1 de xullo e prolongarase ata o 28 de febreiro de 2027.
Belén do Campo puxo en valor a aposta da Xunta polos talleres de emprego, unha liña que permitirá desenvolver este ano preto dun centenar de programas en Galicia, cun investimento global de 48,1 millóns de euros e que permitirá formar arredor de 2.000 persoas desempregadas.
Na provincia da Coruña están aprobados 27 talleres de emprego, cun investimento superior aos 13 millóns de euros e unha previsión de 540 alumnos e alumnas beneficiarios. No caso da comarca do Barbanza, a Xunta financia cinco talleres cun orzamento de máis de 2,5 millóns de euros, que permitirán formar un centenar de persoas desempregadas.
Ademais do Tahume XI, no Barbanza participan nesta iniciativa os talleres promovidos polos concellos de Boiro, Muros en colaboración con Carnota, Noia xunto con Lousame e Outes, e Rianxo.
Durante a visita, a delegada autonómica agradeceu o traballo desenvolvido polo alumnado, polo equipo docente e polos concellos implicados, e salientou a importancia da colaboración entre as distintas administracións para impulsar proxectos adaptados ás necesidades de cada territorio.
Finalmente, animou as persoas participantes a continuar coa súa formación e a aproveitar as oportunidades que ofrece o programa, destacando que os talleres de emprego constitúen unha ferramenta útil para mellorar a empregabilidade, adquirir experiencia profesional e abrir novas oportunidades de futuro.