
A Fundación ONCE destina 540.000 euros, a través do Plan de Prioridades xestionado por COCEMFE, a financiar 37 proxectos de autonomía persoal e vida independente e catro iniciativas para mellorar o transporte adaptado.
Santiago de Compostela. — A Confederación Galega de Persoas con Discapacidade (COGAMI) e as súas entidades membro desenvolverán ao longo deste ano un total de 41 proxectos destinados a mellorar a calidade de vida das persoas con discapacidade e das súas familias, grazas a unha achega de 540.000 euros da Fundación ONCE.
Os fondos proceden do Plan de Prioridades da Fundación ONCE, xestionado por COCEMFE, e permitirán financiar iniciativas centradas na promoción da autonomía persoal, a vida independente, a atención especializada e a mellora dos servizos e equipamentos das entidades sociais.
En total, 31 entidades e centros pertencentes a COGAMI beneficiaranse desta convocatoria. Dos 41 proxectos apoiados, 37 están relacionados coa autonomía persoal e a vida independente, mentres que os catro restantes están orientados á mellora do transporte adaptado.
Melloras nos centros de COGAMI
Entre os centros directamente beneficiados atópanse os centros de atención diúrna de COGAMI en Fingoi (Lugo), Medelo (Silleda) e Mos.
No centro de Fingoi os fondos permitirán acometer reformas nas infraestruturas, instalar dúas casetas exteriores e incorporar baterías fotovoltaicas, ademais de actualizar equipamento informático e mobiliario. En Medelo mellorarase o equipamento e instalaranse tamén baterías fotovoltaicas.
Pola súa banda, o centro de COGAMI en Mos incorporará un sistema de aerotermia e baterías fotovoltaicas, ademais de realizar obras de conservación e instalar elementos de seguridade. Tamén se destinarán recursos á mellora do servizo de transporte adaptado.
Proxectos en toda Galicia
A provincia da Coruña concentrará 12 proxectos, promovidos por entidades como UGADE, ACEM Santiago, ACEM Coruña, Parkinson Galicia-Coruña, ALCER Coruña, ConArtritis, ÍNTEGRO, LIREGA, ADISBISMUR, MISELA, ÁMBAR e AVANTE.
As iniciativas abarcan ámbitos moi diversos, desde o apoio psicolóxico e a fisioterapia especializada ata a atención integral en enfermidades neurodexenerativas, o lecer inclusivo no rural, o empoderamento de persoas con enfermidades reumáticas e a mellora do transporte adaptado.
En Lugo, serán catro as entidades beneficiarias: A Mariña-COGAMI, AGORA, ALCER Lugo e ALUCEM. Os proxectos estarán centrados na promoción da autonomía persoal, a eficiencia enerxética, a mellora das instalacións, a atención social e nutricional e o apoio psicolóxico ás persoas con esclerose múltiple.
Na provincia de Ourense, AODEMPER, ALCER Ourense, ACCU Ourense e AFFOU desenvolverán programas de actividade física adaptada, fisioterapia neurolóxica, atención ás persoas con enfermidade renal crónica, inclusión social e rehabilitación psicosocial.
Pola súa banda, en Pontevedra, as entidades ADAPTA, VONTADE, ASEARPO e ACCU Vigo impulsarán iniciativas relacionadas co mantemento de actividades e servizos, a atención dos trastornos do desenvolvemento infantil, a adquisición dun vehículo adaptado, o mantemento físico e mental e a atención integral ás persoas con enfermidade inflamatoria intestinal.
A convocatoria tamén permitirá desenvolver proxectos de ámbito autonómico. Entre eles figuran “Creando en rede”, de ACADAR; un servizo de atención integral para persoas con fibrose quística; un programa de fisioterapia especializada para persoas con linfedema e lipedema, promovido por AGL; un programa de vida autónoma e independente para persoas con enfermidades neuromusculares de ASEM Galicia; un servizo de atención, asesoramento e información para persoas con coagulopatías de AGADHEMO; e unha vivenda de estancia temporal para pacientes oncolóxicos e as súas familias, promovida por ASOTRAME.
Apoio á autonomía e á vida independente
Desde COGAMI destacan que estes proxectos permitirán non só mellorar as instalacións e os equipamentos das entidades, senón tamén reforzar a atención directa e promover a autonomía persoal, a vida independente e a participación social das persoas con discapacidade.
A financiación da Fundación ONCE contribúe así a consolidar unha rede de recursos e servizos especializados que dá resposta ás necesidades das persoas con discapacidade e das súas familias en diferentes puntos de Galicia.
