O Concello da Baña mellora a accesibilidade no polideportivo de San Vicenzo

A actuación, cun investimento de 13.281,20 euros, permitiu acondicionar o acceso exterior ás instalacións e avanzar na eliminación de barreiras arquitectónicas.

O Concello da Baña vén de completar unha actuación destinada a mellorar a accesibilidade ao polideportivo de San Vicenzo, cun investimento total de 13.281,20 euros.

Os traballos centráronse no acondicionamento do acceso exterior ás instalacións, coa adaptación do desnivel existente e a instalación dunha nova varanda de protección. Esta intervención permite facilitar o acceso ao recinto e mellorar as condicións de seguridade e accesibilidade para as persoas usuarias.

A actuación enmárcase nas axudas para proxectos de creación, mellora e ampliación de servizos básicos en zonas rurais, xestionadas pola Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader) no marco do PEPAC 2023-2027.

O proxecto conta co cofinanciamento da Unión Europea, a través do Fondo Europeo Agrícola de Desenvolvemento Rural (Feader), do Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación e da Xunta de Galicia.

Con esta actuación, o Concello da Baña continúa a traballar na mellora e adecuación dos equipamentos municipais, favorecendo unhas instalacións máis accesibles, seguras e adaptadas ás necesidades da veciñanza.