
Veciños de Ames veñen denunciando nas redes sociais o estado dunha zona da Travesía do Pedregal, fronte á rotonda, onde se abriu un importante burato na calzada que, segundo sinalan, chega a alcanzar un metro de profundidade na súa parte máis fonda.
A situación está a xerar preocupación entre os residentes pola posible perigosidade tanto para os vehículos que circulan pola zona como para as persoas que atravesan este punto.
Segundo explican os veciños, o deterioro da vía estaría relacionado co paso frecuente de camións de máis de 3,5 toneladas, especialmente vehículos vinculados a obras. Poñen como exemplo os camións mesturadores de formigón, indicando que un deles pode pesar arredor de 2,4 toneladas e que, coa presenza simultánea de dous ou tres vehículos, o peso sobre a zona podería incrementarse considerablemente. Tamén aseguran ter observado outros camións que superarían amplamente as cinco toneladas.
Outro dos aspectos que chama a atención dos denunciantes é o escaso grosor do asfalto, que, segundo indican, sería duns oito centímetros, algo que consideran insuficiente para soportar o tráfico pesado que soporta habitualmente este punto.
Os veciños reclaman que se adopten medidas urxentes, especialmente unha correcta sinalización da avaría, co obxectivo de evitar posibles accidentes ou danos nos vehículos. Tamén alertan do risco para os propios camións, xa que a zona afectada se atopa no seu radio de xiro.
A petición veciñal pasa por que se sinalice e asegure canto antes o punto afectado e, posteriormente, se acometa unha reparación que permita garantir a seguridade da vía e evitar que o problema continúe agravándose.



