A Baña reúne arredor de medio cento de motos clásicas nunha ruta de 45 quilómetros polo concello

A Baña. Arredor de medio cento de motos participaron na nova edición da Ruta de Motos Clásicas da Baña, unha xornada que combinou a afección polo motociclismo, o patrimonio e as paisaxes do municipio cun ambiente de convivencia e confraternidade entre as persoas participantes.

A actividade tivo como punto de encontro a praza do Concello, desde onde se iniciou un percorrido duns 45 quilómetros polas distintas parroquias da Baña, permitindo ás persoas participantes desfrutar das estradas e das paisaxes do concello sobre dúas rodas.

As condicións meteorolóxicas acompañaron durante toda a xornada, favorecendo o desenvolvemento da ruta e contribuíndo ao bo ambiente entre as persoas participantes.

O percorrido rematou no Barro, onde se celebrou unha comida de confraternidade que serviu como punto final a unha xornada marcada pola convivencia, a afección polas motos clásicas e o encontro entre participantes.

Durante a celebración tamén houbo tempo para os recoñecementos, con premios ao motorista máis novo e ao máis veterano, ademais doutros galardóns entregados ao longo da xornada.

Desde a organización agradecese a participación de todas as persoas que se sumaron a esta iniciativa e que contribuíron a facer posible unha nova edición da Ruta de Motos Clásicas da Baña.

A boa acollida da actividade deixa xa a mirada posta nunha próxima edición, coa intención de continuar consolidando esta cita como un punto de encontro para as persoas afeccionadas ás motos clásicas e para toda a veciñanza.