O BNG reclama a prolongación da traída de auga municipal ata Lires

A formación nacionalista denuncia a falta de solucións aos problemas de abastecemento en varias parroquias e aldeas de Cee e reclama que a nova canalización permita futuras derivacións a outros núcleos

O BNG de Cee volverá reclamar ao Concello unha solución aos problemas de abastecemento de auga que afectan desde hai anos a diferentes parroquias e aldeas do municipio. A formación nacionalista anuncia a presentación dun escrito para solicitar que se asuma «de forma inmediata» a prolongación da traída de auga municipal ata Lires.

Os nacionalistas lembran que xa teñen formulado propostas para levar auga a núcleos como Pereiriña ou Sembra, así como para solucionar o abastecemento en Gures e Lires, actuacións que, segundo denuncian, continúan sen executarse.

No caso de Lires, o BNG sinala que a situación chegou a obrigar ao traslado de varias cisternas de auga ata o depósito para garantir o subministro á poboación, cun importante custo económico para as arcas municipais.

A formación considera que a solución debe ir máis alá dunha actuación puntual e reclama que a prolongación da traída se deseñe de maneira que a tubaxe permita no futuro realizar derivacións cara a Cantorna, As Travesas, Pereira, San Xosé e o conxunto da parroquia de Lires.

Segundo o BNG, esta planificación resulta especialmente necesaria ante a crecente insuficiencia das fontes das que actualmente se abastecen as diferentes aldeas.

«Faltan infraestruturas básicas»

O portavoz do BNG de Cee, Serxio Domínguez Louro, critica a política do Goberno local e considera que se están priorizando actuacións que, ao seu xuízo, non responden ás principais necesidades do municipio.

«Lamentamos que a alcaldesa siga instalada na política espectáculo e de redes sociais, con fotos día tras día mentres seguimos carecendo de infraestruturas básicas en lugares tan visitados como Lires».

Domínguez Louro sinala que existen outras actuacións que deberían recibir prioridade, entre elas a mellora do saneamento, das vías interiores e dos espazos peonís.

«A ría contaminada, a praia pechada ao baño, as vías interiores cheas de fochancas e con aspecto dos anos 60, a separación das augas pluviais das fecais para un correcto funcionamento da depuradora ou a ausencia dunha soa zona peonil son, entre outras, obras prioritarias», afirma o portavoz nacionalista.

O BNG tamén cuestiona a decisión de destinar recursos a actuacións como a retirada de palcos ou a renovación de prazas mentres, segundo denuncia, continúan pendentes infraestruturas consideradas básicas para garantir servizos esenciais á veciñanza.

Co novo escrito, a formación nacionalista pretende que o Concello acometa a prolongación da traída ata Lires cunha visión de futuro, de maneira que a infraestrutura poida servir tamén para ampliar progresivamente a rede municipal de abastecemento ao resto dos núcleos da parroquia.