
Un vehículo destrozou a estrutura destinada aos contedores de recollida selectiva, nun novo incidente que se suma aos danos rexistrados nas últimas semanas
O Concello de Corcubión denuncia un novo episodio de danos no mobiliario urbano do municipio. Nesta ocasión, un vehículo levou por diante a xaula de contedores de recollida selectiva situada no paseo marítimo, deixando a estrutura completamente destrozada.
Desde o Concello lembran que este tipo de accidentes están cubertos polos seguros dos vehículos e consideran que as persoas responsables deberían comunicar os feitos para facilitar a reparación dos danos e evitar que o custo da reposición recaia sobre as arcas municipais.
A estrutura afectada, de grandes dimensións e preparada para albergar dous contedores, está construída con material plástico procedente de refugallos reciclados e foi deseñada para ofrecer unha elevada durabilidade. Porén, apenas un ano despois da súa instalación, resultou gravemente danada como consecuencia do impacto.
Os danos poderían superar os 3.000 euros
Segundo unha primeira valoración municipal, os danos ocasionados ascenden aproximadamente a entre 2.150 e 3.100 euros. Esta estimación inclúe o custo da estrutura, a retirada dos restos e a súa posterior instalación.
O Concello sinala que esta cantidade é provisional e queda pendente da valoración técnica definitiva que realizarán os servizos municipais.
O novo incidente súmase a outros danos provocados por vehículos nas últimas semanas. En menos dun mes, o mobiliario urbano de Corcubión sufriu, entre outros, os seguintes desperfectos:
- Unha farola.
- Varios bolardos.
- A xaula de contedores do paseo marítimo.
Desde o Goberno municipal advirten de que “non imos tolerar esta situación” e anuncian que a Concellería de Urbanismo, Medio Ambiente e Sustentabilidade realizará unha valoración exhaustiva dos danos e efectuará a correspondente denuncia ante as autoridades competentes.
O Concello fai tamén un chamamento á responsabilidade e ao respecto polo mobiliario público, lembrando que os danos non só representan un custo económico para o conxunto da veciñanza, senón que poden comprometer a seguridade de peóns e usuarios do paseo marítimo.
Finalmente, o Concello solicita a colaboración da cidadanía. Calquera persoa que dispoña de información ou fose testemuña do sucedido pode poñerse en contacto co Concello de Corcubión para facilitar datos que axuden a esclarecer os feitos.


