Vimianzo prepárase para vivir unha fin de semana de trial coa celebración do Campionato de España

O municipio acollerá desde este venres ata o domingo unha importante cita deportiva que traerá deportistas e visitantes e que obrigará a realizar cambios na circulación e no estacionamento

Vimianzo ultima os preparativos para acoller esta fin de semana o Campionato de España de Trial, unha proba deportiva de gran dimensión que converterá o municipio nun dos focos da actividade deportiva durante estes días.

Na mañá deste xoves celebrouse unha reunión de coordinación na que participaron as forzas e corpos de seguridade, Protección Civil, a dirección do Club O Petouco, o técnico municipal de Deportes, concelleiros e a alcaldesa, co obxectivo de revisar todos os detalles relacionados coa organización e coa seguridade do evento.

A celebración do campionato suporá a chegada a Vimianzo de numerosos deportistas, equipos, acompañantes e visitantes, polo que tamén será necesario introducir modificacións puntuais na circulación e no estacionamento.

As principais afeccións concentraranse no centro do núcleo urbano e nos accesos cara ao Monte Faro, zonas nas que se aplicarán medidas especiais durante o desenvolvemento da proba.

Desde o Concello lembran que estas modificacións xa foron comunicadas á veciñanza mediante Bando municipal, polo que se recomenda consultar previamente a información e prestar especial atención á sinalización instalada nas zonas afectadas.

O goberno municipal pide á cidadanía atención, colaboración e comprensión ante unhas medidas que consideran necesarias para garantir a seguridade tanto dos participantes como dos espectadores e para facilitar o correcto desenvolvemento da competición.

Vimianzo prepárase así para vivir tres xornadas nas que o deporte, a convivencia e o espectáculo serán os grandes protagonistas, cunha cita que permitirá tamén proxectar o municipio como escenario para a celebración de grandes eventos deportivos.