Os vellos rockeiros nunca morren: David Ferreiro Caamaño roza o podio en Carballo

O piloto das Salgueiras, en Coristanco, asinou unha destacada actuación en Carballo e continúa a súa progresión no ano do seu regreso á competición

Os vellos rockeiros nunca morren, ou iso di o refrán. E David Ferreiro Caamaño, O piloto das Salgueiras – Coristanco, está a demostrar que a experiencia e a paixón polos motores seguen máis vivas ca nunca.

Na xornada disputada onte en Carballo, Ferreiro Caamaño quedou moi preto do podio tras completar unha carreira na que volveu demostrar o seu ritmo, regularidade e, sobre todo, unha gran fiabilidade.

O obxectivo estaba claro: saír a por un posto no podio. Na primeira manga clasificatoria, o piloto de Coristanco conseguiu un meritorio 4º posto, mentres que na segunda manga mellorou a súa actuación cun 3º posto. Estes resultados permitíronlle situarse na 6ª posición da grella de saída para a final.

Xa na final, unha boa saída permitiulle colocarse , rodando a un ritmo superior ao do coche que tiña por diante. Porén, as circunstancias da carreira impediron atopar o oco necesario para efectuar a adiantamento e loitar por posicións de podio.

Aínda así, o resultado deixa moi boas sensacións. Un novo top 5, importantes puntos para a clasificación e, sobre todo, a confirmación de que o proxecto segue avanzando con paso firme.

Un regreso con moi boas sensacións

Esta tempada ten ademais un significado especial para David Ferreiro Caamaño, xa que supón o seu regreso aos circuítos despois de varios anos dedicado á mecánica.

E o regreso non puido comezar con mellores sensacións. O piloto está a realizar un papel moi destacable, demostrando que os anos afastado da competición non apagaron nin a súa competitividade nin a súa paixón polo motor.

Agora, coa experiencia e a confianza acumuladas nestas primeiras probas, o obxectivo está posto nos dous próximos compromisos, nos que David Ferreiro aspira a dar un paso máis e pelexar directamente polo podio.

Un proxecto apoiado pola empresa privada

Detrás deste regreso aos circuítos existe tamén un importante esforzo económico e humano. Cómpre destacar que o proxecto de David Ferreiro non conta con ningún patrocinio do Concello de Coristanco, polo que todo o apoio económico procede de empresas privadas que decidiron apostar polo piloto das Salgueiras.

Os patrocinadores e colaboradores que fan posible este proxecto son:

Maymar Panadería, El Rubio Maquinaria Agrícola, HR Madera Carpintería, 42 Liñas Imprenta, Costa Morte Web, Circuito Autocross Xacobeo MotorSport, Fran Servizos Agroforestais, Flores de Rei, Clínica Pose, Predeira Solutions, Óptica Pose, Parafarmacia Pose, Deseño Sofá Colchonería e Bar O Cruce.

Un apoio fundamental para que David Ferreiro poida continuar competindo e levando o nome de Coristanco e das Salgueiras polos diferentes circuítos.

O podio quedou esta vez a un paso, pero as sensacións son positivas e o ritmo está aí. David Ferreiro Caamaño volveu aos circuítos para competir, e todo apunta a que dará moito que falar nos próximos compromisos.