O VIII Festival Folk de Sisalde despídese coa forza da música e da xente

O VIII Festival Folk de Sisalde pechou onte unha nova edición marcada polo éxito, a música, a alegría e os momentos compartidos. Unha xornada marabillosa na que a tradición e a cultura folk volveron ser protagonistas, acompañadas polo cariño e a participación de todas as persoas que se achegaron ata Sisalde.

Para poñer o broche final a esta oitava edición, queremos compartir unha selección de fotografías que recollen algúns dos momentos vividos durante o sábado e que son só unha pequena mostra de todo o que se desfrutou ao longo da xornada.

Nesta ocasión, queremos poñer especialmente o foco na xente bonita da Triskell, coa que tivemos o pracer de compartir música, encontros, sorrisos e esa atmosfera tan especial que fai do Festival Folk de Sisalde unha cita imprescindible.

Desde a organización queremos agradecer de corazón a todas as persoas que fixeron posible esta edición: artistas, grupos, colaboradores, voluntariado, veciñanza e, sobre todo, a todas e todos os que participastes e desfrutastes da festa.

Grazas por formar parte desta celebración e por contribuír a facer do VIII Festival Folk de Sisalde unha xornada para lembrar.

E agora si… xa nos tarda o IX Festival Folk de Sisalde!