A Panadería Roiser de Coristanco logra a Estrela de Bronce e queda terceira entre as mellores panaderías de España

O establecemento coristanqués foi o único representante galego na final do certame 50 Panaderías TOP España 2026, celebrada en Bilbao

A Panadería Roiser, de Coristanco (A Coruña), vén de acadar un importante recoñecemento no panorama panadeiro nacional. O establecemento galego conseguiu a Estrela de Bronce na final do certame 50 Panaderías TOP España 2026, o que lle permite situarse na terceira posición da competición.

O recoñecemento foi concedido durante a final do concurso, celebrada en Bilbao no marco do Bilbao Global Bakery Forum, un encontro de referencia para o sector da panadaría.

Roiser chegara a esta fase como un dos tres establecementos finalistas de todo o país, confirmando así o nivel do traballo desenvolvido polo seu equipo desde o seu obradoiro de Coristanco.

Ademais, a panadaría coristanquesa tivo o mérito engadido de ser o único representante de Galicia en alcanzar a gran final do certame.

A Estrela de Bronce supón un novo aval para a traxectoria de Roiser e para a calidade do pan elaborado no municipio coristanqués, que consegue así situarse entre os mellores do panorama panadeiro español.

Este terceiro posto converte a Panadería Roiser nun dos grandes nomes da panadaría galega e nun referente para o sector na Costa da Morte.