O BNG reclama ao Concello de Ortigueira información sobre as licenzas e expedientes pendentes de Urbanismo

A formación nacionalista denuncia que a Alcaldía denegou o acceso aos datos solicitados alegando que sería necesario «reelaborar» a información

O BNG de Ortigueira reclama ao Concello información sobre o funcionamento do servizo municipal de Urbanismo e, en particular, sobre o número de licenzas de obra pendentes de resolver e os expedientes que acumulan anos de espera.

A formación nacionalista considera que coñecer estes datos é unha cuestión básica para avaliar o funcionamento dun servizo municipal clave para a veciñanza e para exercer as funcións de control e fiscalización que corresponden á oposición.

Segundo explica o BNG, a solicitude de información foi formulada tanto no Pleno municipal como posteriormente a través do rexistro do Concello. Porén, a Alcaldía denegou o acceso aos datos solicitados, argumentando que para facilitar esa información sería necesario realizar unha «reelaboración».

Desde o BNG consideran que esta resposta non é suficiente e cuestionan que se limite o acceso da oposición a información relacionada coa xestión ordinaria dos servizos municipais.

A formación nacionalista defende que a oposición ten dereito a coñecer a situación dos expedientes e licenzas que tramita o Concello, especialmente cando se trata dun servizo con incidencia directa na actividade económica, nas obras e proxectos da veciñanza e no desenvolvemento urbanístico do municipio.

Por este motivo, o BNG presentou un recurso de reposición para reclamar novamente o acceso á información solicitada e coñecer cantas licenzas de obra están pendentes de resolución, así como cantos expedientes levan anos sen resolver.

O BNG sinala que continuará reclamando transparencia e acceso á información municipal para poder exercer o seu labor de control sobre a acción do Goberno local.