
A rotura dunha balsa dunha explotación gandeira provocou a chegada de xurros aos ríos Bustelo, Paradela e Lengüelle, aínda que o vertido non alcanzou polo momento o Tambre
Santiago de Compostela, 15 de setembro de 2026. A Xunta, a través de Augas de Galicia, mobilizou medios humanos e recursos do programa de mantemento fluvial para conter o vertido de xurros provocado pola rotura dunha balsa dunha explotación gandeira no concello coruñés de Tordoia.
O incidente foi comunicado polo propietario da explotación ao servizo de emerxencias 112 durante a noite do luns. A rotura provocou a saída dunha parte importante dos xurros almacenados, que se estenderon polas fincas próximas á granxa ata chegar ao río Bustelo, á altura de Santaia.
As primeiras actuacións permitiron conter parte do material mediante a construción de diques de terra e a habilitación dunha balsa temporal de retención, co obxectivo de evitar que o vertido continuase avanzando.
Tras recibir o aviso, Augas de Galicia desprazou á zona persoal do Programa de Control de Vertidos para inspeccionar o lugar e realizar un seguimento da evolución da situación. Durante os traballos realizados este martes, os técnicos comprobaron que a afección se estendera tamén aos ríos Paradela e Lengüelle.
Ante esta situación, o organismo autonómico decidiu reforzar o dispositivo con medios adicionais, entre eles barreiras anticontaminación, para conter o avance do material e facilitar a súa retirada.
Tres quilómetros de cauces afectados
Segundo os datos facilitados por Augas de Galicia, a afección localízase actualmente nun tramo duns tres quilómetros augas abaixo do punto de vertido, con presenza constatada de xurros nos ríos Bustelo, Paradela e Lengüelle.
Os equipos despregados continúan realizando labores de seguimento, contención e retirada do material contaminante. No dispositivo tamén colabora Veolia, empresa encargada da xestión da estación de tratamento de auga potable de Santiago de Compostela, que achegou medios complementarios para reforzar o control da situación.
Por agora, a afección non chegou ao río Tambre. Ademais, a distancia estimada entre o punto máis avanzado no que se detectou presenza de xurros e a captación que abastece de auga a Santiago de Compostela é duns 20 quilómetros.
Ao longo deste martes completaranse as tomas de mostras nos distintos puntos de control establecidos nos cauces afectados. As análises permitirán coñecer con maior precisión a evolución da contaminación e determinar se o material contaminante mobilizado pode representar algún risco para a captación de abastecemento.
Augas de Galicia sinala que, debido ao escaso caudal dos ríos e ás baixas velocidades de transporte asociadas, resulta necesario agardar aos resultados analíticos antes de realizar unha valoración definitiva sobre a posible afección ao abastecemento.
A balsa xa non verte
A balsa que orixinou o incidente xa non verte. Segundo a información facilitada polos responsables da explotación, estase procedendo ao seu baleirado completo mediante a retirada dos xurros restantes por parte dun xestor autorizado.
A instalación almacenaba aproximadamente 1,3 millóns de litros de xurros e, tras a rotura, quedaría nela arredor da metade dese volume. A retirada do material ten como obxectivo evitar novos riscos de filtracións ou posibles derrubamentos da estrutura.
Mentres continúan estas actuacións, Augas de Galicia manterá un seguimento permanente da situación e das condicións dos cauces afectados.


