COGAMI reivindica máis seguridade, coordinación e inclusión na atención sanitaria ás persoas con discapacidade orgánica

A entidade reclama unha maior coordinación entre profesionais, tratamentos máis seguros e unha investigación sanitaria máis inclusiva con motivo do Día Mundial da Seguridade do Paciente

Santiago de Compostela, 17 de setembro.– Con motivo do Día Mundial da Seguridade do Paciente, que se conmemora cada 17 de setembro, COGAMI e a súa Comisión Sociosanitaria poñen o foco nas necesidades das persoas con discapacidade orgánica e reivindican unha atención sanitaria máis coordinada, segura, accesible e centrada nas persoas.

As sesenta entidades que integran o movemento asociativo de COGAMI demandan avances na coordinación sociosanitaria, na seguridade dos tratamentos e na investigación das enfermidades crónicas, raras e de baixa prevalencia. Ademais, reclaman que a investigación sanitaria incorpore de maneira real e representativa ás mulleres, para evitar os nesgos de xénero que historicamente afectaron ao coñecemento científico e ao desenvolvemento de tratamentos.

Baixo o lema “Saúde: ciencia e conciencia”, COGAMI e a súa Comisión Sociosanitaria desenvolven unha campaña nas redes sociais para visibilizar as necesidades e reivindicacións das persoas con enfermidades crónicas, discapacidade e outras condicións de saúde.

Máis coordinación e seguridade na atención sanitaria

Entre as principais demandas dirixidas á Administración pública figura a necesidade de mellorar a coordinación entre profesionais e especialidades sanitarias. COGAMI considera que debe ser a información clínica a que se traslade dun departamento sanitario a outro, evitando que sexa a propia persoa paciente quen teña que asumir esta responsabilidade.

A entidade reclama tamén unha atención sanitaria máis humana, accesible e centrada nas persoas, así como medidas específicas para garantir a seguridade dos procesos e tratamentos sanitarios das persoas con discapacidade.

Neste sentido, considera necesario adaptar protocolos, probas diagnósticas e coidados ás circunstancias específicas de cada paciente, co obxectivo de reducir posibles erros e riscos durante a atención sanitaria.

Tratamentos eficaces e seguros

No ámbito da industria farmacéutica, COGAMI reclama un maior acceso a tratamentos eficaces para as persoas con enfermidades crónicas e un compromiso coa seguridade dos procesos e tratamentos destinados ás persoas con discapacidade.

A organización considera fundamental que as necesidades específicas deste colectivo sexan tidas en conta desde as fases de deseño e desenvolvemento dos tratamentos.

Máis investigación en enfermidades raras e con perspectiva de xénero

As reivindicacións tamén se dirixen ás persoas investigadoras, ás que COGAMI pide incrementar a investigación sobre enfermidades raras e de baixa prevalencia, co obxectivo de mellorar o coñecemento destas patoloxías e as perspectivas de futuro das persoas que conviven con elas.

Do mesmo xeito, a entidade reclama unha participación real e representativa das mulleres nos estudos e ensaios clínicos. Para COGAMI, incorporar a perspectiva de xénero á investigación é necesario para evitar que os resultados científicos e o deseño dos tratamentos estean condicionados por nesgos históricos.

“A saúde é un dereito, non unha carreira de obstáculos. Cada paciente conta e cada voz importa”, sinala COGAMI como mensaxe central desta campaña.

Entidades integrantes da Comisión Sociosanitaria de COGAMI

A Comisión Sociosanitaria está integrada por entidades autonómicas e provinciais que representan a persoas con diferentes enfermidades crónicas, raras e discapacidades orgánicas.

Entre as entidades autonómicas atópanse AGADHEMO, ACADAR, AGFQ, ASOTRAME, ASEM Galicia e AGL.

Na provincia da Coruña forman parte, entre outras, CONARTRITIS, ACEM Coruña, ACEM Santiago, ALCER Coruña, LIREGA, Parkinson Coruña, Parkinson Ferrol, AGAPA, AEPEF, ACCU Coruña e UGADE.

En Lugo, intégranse ALCER Lugo e ALUCEM; en Ourense, AGAL, ALCER Ourense, ACCU Ourense, Hemourense, AFFOU, ASDIFICA e AODEMPER; e na provincia de Pontevedra, AVIDEPO, ALCER Pontevedra, AVEMPO, ASEARPO e ACCU Vigo.

A través desta iniciativa, COGAMI pretende contribuír a facer máis visibles as necesidades das persoas con discapacidade orgánica e trasladar ás administracións, ao ámbito sanitario, á industria farmacéutica e á comunidade investigadora a importancia de avanzar cara a un sistema de saúde máis seguro, coordinado, accesible e inclusivo.