O BNG de Muxía reclama a equiparación salarial e laboral das traballadoras do SAF

A formación nacionalista levará ao vindeiro Pleno unha moción na que pide estudar medidas para equiparar as condicións das auxiliares da concesionaria co persoal laboral municipal

Muxía, 16 de setembro de 2026. O BNG de Muxía rexistrou unha moción que será debatida no vindeiro Pleno da Corporación municipal para reclamar avances na equiparación salarial e das condicións laborais das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar (SAF) da empresa concesionaria co persoal laboral do Concello que desenvolve o mesmo servizo.

A iniciativa, impulsada pola portavoz municipal do BNG, Mercé Barrientos, insta o Goberno local a estudar, dentro do marco legal e das competencias municipais, as medidas económicas, administrativas e contractuais que permitan avanzar nesta equiparación, mantendo en todo caso aquelas condicións que resulten máis favorables para as traballadoras da empresa concesionaria.

O BNG pretende tamén que a Corporación municipal manifeste o seu compromiso co principio de “a igual traballo, igual salario”, así como coa igualdade nas condicións laborais das persoas que realizan funcións de natureza e valor equivalentes dentro do mesmo servizo público.

Hai que poñer fin a unha situación de desigualdade que afecta a empregadas que realizan o mesmo traballo que o persoal laboral do Concello que realiza o mesmo servizo público e que ten a mesma categoría profesional”, sinala Barrientos.

O posible rescate do servizo

A moción tamén reclama información sobre o grao de cumprimento do compromiso adquirido polo Concello para elaborar un estudo económico e técnico sobre o posible rescate e xestión directa do SAF.

No caso de que este estudo aínda non fose realizado ou finalizado, o BNG pide que se elabore coa maior brevidade posible. O documento debería analizar, entre outras cuestións, os custos actuais da concesión, o gasto que suporía a xestión directa por parte do Concello, os recursos humanos necesarios, o impacto sobre as condicións laborais das traballadoras e a viabilidade económica e administrativa dun eventual cambio no modelo de xestión.

Para a formación nacionalista, o posible rescate da concesión podería constituír “unha solución estrutural”, pero considera que a mellora das condicións das traballadoras “é unha necesidade inmediata”.

Reunión coa empresa e coa representación das traballadoras

Outra das propostas incluídas na moción é a convocatoria dunha reunión coa representación das traballadoras do SAF e coa empresa concesionaria, co obxectivo de analizar as diferenzas existentes entre as condicións laborais e retributivas dos dous colectivos e iniciar un proceso de negociación que permita avanzar progresivamente na súa equiparación.

Non se trata unicamente de reclamar unha mellora económica, senón de defender un principio básico de xustiza laboral”, afirma Barrientos. “A persoas que realizan un traballo de igual natureza e valor, coa mesma categoría profesional e dentro do mesmo servizo público, deben recoñecérselles unhas condicións laborais e retributivas equivalentes”, engade.

Cláusulas sociais nos futuros contratos

O BNG tamén propón que, nos futuros procedementos de contratación, modificación ou prórroga do servizo, e sempre dentro dos límites establecidos pola normativa de contratación pública, o Concello incorpore cláusulas sociais e laborais destinadas a favorecer a estabilidade no emprego, a mellora das condicións de traballo e a igualdade retributiva.

Finalmente, a moción reclama que o Goberno municipal dea conta ao Pleno, nun prazo máximo de seis meses, das actuacións realizadas para cumprir os acordos adoptados, especialmente no relativo ao estudo do posible rescate do SAF e ás negociacións para avanzar na equiparación das condicións laborais das traballadoras.